A Biblioteca provincial da Coruña organiza cursos de inglés, encadernación, escritura e arte
A primeira actividade en poñerse en marcha, o próximo 6 de febreiro, será o seminario de arte, que nesta edición céntrase nas mulleres artistas. Luisa Valdés encargarase das clases de 11.30 a 12.30 horas todos os xoves ata maio. O prazo para reservar praza remata o día 4.
Así mesmo, os días 18, 19, 20 e 21 de febreiro, en horario de 19 a 21 horas, José Liñeiras impartirá un curso de encadernación ao que haberá que apuntarse antes do próximo día 7.
Inglés para todos os niveis
Os cursos de inglés desenvolveranse en 14 sesións dunha hora cada unha dende o 17 de febreiro ata o mes de xuño en horario de 11.30 a 12.30 horas. Ofrécense niveis de iniciación, medio e avanzado, e todos eles correrán a cargo de Elisabeth Hamer. É preciso reservar praza antes do 13 de febreiro.
Pola súa banda, os interesados no curso de escritura creativa que impartirá Pedro Ramos todos os martes do 11 de marzo ao 27 de maio terán ata o 20 de febreiro para apuntarse.
Literatura todos os días
O programa da biblioteca complétase cos obradoiros de literatura a cargo de Patricia Cernadas e César A. Molina, no caso da literatura clásica. Estes encontros celébranse de luns a xoves de 17.00 a 19.00 horas e os venres de 11.00 a 13.00.
Os interesados en participar nalgunha destas actividades terán que inscribirse na biblioteca infantil e xuvenil en horario de 10.30 a 13.30 e de 17.00 a 20.30 horas ou poden chamar ao teléfono 981 080 171.











