A biblioteca de Verín rexistrou máis de trescentos socios novos no ano 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

A Biblioteca Pública Municipal de Verín conta na actualidade con 2.532 socios/as dos que 353 se sumaron a este servizo municipal ao longo do 2013 (datos desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro do 2013). Unha cifra á que debe engadirse o número de préstamos totais realizados durante todo o ano, que foron 5.326; mentres que no pasado ano 2012 a cifra foi de 4.426 préstamos.

Por outra banda, a Biblioteca Pública Municipal de Verín, no marco da Programa de Voluntariado Cultural e Fomento á Lectura, realizou durante o pasado ano un total de 51 actividades para nenos/as con idades comprendidas entre os 3 e 9 anos -coordinadas por voluntarios/ as de 11 a 16 anos-, é dicir, oito máis que no 2012. Desde o ano 2006 ata a data, a Biblioteca de Verín programou un total de 253 actividades de fomento á lectura para os/as menores da localidade.

Entre as mesmas atópanse contacontos, Bibliopiscina, exposicións, presentacións de libros, BiblioRúa, concursos de narrativa, encontros con escritores, videoconferencias, visitas guiadas para centros educativos, club de lectura ou as de Fomento de Lectura ou Voluntariado Cultural que lograron que a Biblioteca de Verín recibise recoñecementos de distintas organizacións, como a Embaixada de Chile en España, Federación de Fútbol, Fundación Antena 3 e resultou, durante catro anos consecutivos, galardoada nos premios da Campaña de Animación á Lectura María Moliner. Ademais, foi nomeada como como Biblioteca Asociada pola UNESCO, asentándose no cumprimento de todos os principios de fomento da lectura, desenvolvemento da cultura, solidariedade-voluntariado e cooperación con distintas entidades, e acadou o premio á Mellor Iniciativa ao Fomento da Lectura para Bibliotecas Públicas no ano 2011, concedido pola Federación de Gremios de Editores de España.

7 de xaneiro de 2014 | 11:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.