A Banda Fhilarmónica do Salnés estréase en Vilagarcía con 62 músicos no escenario
A recén creada Banda Fhilarmónica do Salnés preséntase mañá ao público da comarca cunha actuación prevista para as 20:30 horas no auditorio municipal. En total serán 62 músicos de distintos puntos da comarca e algún da provincia que, baixo a dirección de Xabier Bascoi, ofrecerán un repertorio baseado na música dos países do Leste. A entrada ao espectáculo é simbólica, dous euros; poderá adquirirse a partir das 18:30 horas no mesmo auditorio.
Baixo o título de “Russian Chritsmas Music. Dende os confíns de Europa”, a Banda Filharmónica do Salnés interpretará a “Obertura sobre cancións rusas e Kirguisas op. 115” de Dimitri Shostacovich e a “Russian Chritsmas Music”, composta polo americano Alfred Reed no marco da II Guerra Mundial con motivo da alianza entre USA e a antiga Unión Soviética. Na segunda parte a nova formación tocará as “Danzas de Galanta”, de Zoltán Kodály e a obertura de “Unha mañá, unha tarde e unha noite en Viena”, de Franz von Suppé
A idea de crear unha banda filharmónica xurdiu xa hai un par de anos por parte de varios músicos profesionais do Salnés que pensaban que unha comarca cunha tradición musical tan grande e que suma unha poboación de 112.000 habitantes debería contar cunha orquestra de calidade que se dedicase a interpretar temas de música clásica que, por outra parte, dificilmente teñen os músicos a oportunidade de interpretalas nas súas bandas de orixe.
Coa creación da banda fhilarmónica incídese, por tanto, na formación dos músicos pero tamén na divulgación de composicións de música clásica normalmente descoñecidas polo público en xeral.











