A Axencia Galega de Innovación visitará o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía
Mañá xoves, 16 de xaneiro de 2014, ás 11.00 h., unha delegación formada por representantes da Axencia Galega de Innovación, entre os que destaca o seu Director, D. Manuel Antonio Varela Rei; o Presidente da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), Juan M. Vieites Baptista de Sousa, e os Directores dos Centros Tecnolóxicos que forman parte da mesma, visitarán as instalacións do Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL) situado en Braga (Portugal). Ademais da visita ás instalacións, manterase unha reunión cos máximos responsables do INL na que se abordará a posible firma dun convenio de colaboración entre o INL e ATIGA co fin de alcanzar a excelencia tecnolóxica desde a cooperación e abordar posibles liñas de actuación conxunta no ámbito internacional.
Sobre ATIGA
A Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia foi creada no ano 2012 polos principais Centros Tecnolóxicos de Galicia, os cales apostaron por unir esforzos para impulsar a innovación en Galicia e lograr unha maior cooperación tecnolóxica que permita á Alianza contar con niveis superiores de competitividade no mercado. Así mesmo, a aposta decidida destes centros polo tecido produtivo galego e o seu compromiso coa creación e consolidación de emprego cualificado, estable, de calidade e con futuro, son outros dos obxectivos fundamentais da Alianza. Actualmente forman parte da Alianza:
– ANFACO-CECOPESCA (Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos – Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos da Pesca)
– AIMEN (Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste)
– CTAG (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia)
– GRADIANT (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia)
Froito desta Alianza, ATIGA convértese na principal institución privada no ámbito da innovación en Galicia. A Alianza en cifras:
> O consorcio ten un volume de ingresos agregado de 38 millóns de euros e, en conxunto, os seus activos superan os 77 millóns de euros.
> ATIGA ofrece soporte científico-tecnolóxico a practicamente todos os sectores estratéxicos de Galicia: Mar-Industria, alimentación, metal-mecánico, naval, automoción, aeronáutico, transporte, TIC, audiovisual, acuicultura, biotecnoloxía, sanitario, turismo, enerxético, químico e educativo.
> Conta cun equipo humano multidisciplinar composto por 700 traballadores altamente cualificados: doutores, enxeñeiros e tecnólogos.
> A súa carteira de clientes suma 1.250 empresas e presta servizos tecnolóxicos e de I+D+I en máis de 30 países.
> Durante 2013, os membros da Alianza executaron 369 proxectos de I+D+i, dos cales 62 foron de carácter europeo e internacional.
> Na actualidade os membros da Alianza son titulares dun total de 42 patentes, propias ou en colaboración con empresas.
Sobre o INL
O Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía é unha Organización Intergobernamental creada para promover a investigación interdisciplinaria en Nanotecnoloxía e Nanociencia. Co obxectivo de converterse nunha parte vital da área científica de Europa, INL proporciona unha contorna de investigación de alta tecnoloxía fronte a grandes retos na nanomedicina, a nanotecnoloxía aplicada aos controis ambientais e alimentarios, nanomáquinas e a manipulación molecular a escala nanométrica.











