A Aula CeMIT de San Sadurniño impartirá un curso de internet en febreiro na parroquia de Lamas
A aula de alfabetización dixital do Concello publicou recentemente a súa programación para o próximo mes, no que continúa a formación itinerante polas parroquias. Desta vez tócalle a Lamas, onde se ofrecen prazas en dous horarios distintos para un curso de 36 horas -18 por quenda- no que nos ensinarán a dar os primeiros pasos no mundo da informática e da internet.
A acción formativa impartirase os días 3, 4, 7, 10, 12, 14, 17, 19, 21, 24, 26 e 28 de febreiro en dúas sesións: unha entre as 10 e as 11.30 e outra de 11.30 a 13h. O curso -que terá lugar no local social de Lamas- pretende achegar coñecementos básicos sobre o manexo dun ordenador e sobre a navegación pola rede, como poden ser a procura de información ou a creación e xestión dunha conta de correo electrónico.
Para inscribirse ou solicitar máis información hai que dirixirse á Aula CeMIT do Concello, situada na casa da Cultura, chamar ao 616 016 793 ou enviar un correo -se se sabe, claro- a cemit.sansadurnino@xunta.es. Tamén hai máis datos ao respecto das actividades da rede a través da web cemit.xunta.es.
O curso de iniciación enmárcase no programa de formación dixital itinerante iniciado polo Concello, que xa pasou por Naraío, Santa Mariña, Bardaos, Ferreira e o Camiño Arriba. As entidades veciñais que desexen organizar algún tipo de actividade ao redor da informática ou internet poden propoñerllo a Carme Suárez -a técnica de alfabetización dixital e responsable da aula- de cara a ver a súa viabilidade e posta en marcha.











