A Asociación de Dano Cerebral da Coruña percibe 60.000 euros para o desenrolo das súas actividades
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe o centro que a Asociación de Dano Cerebral da Coruña (Adaceco) ten na cidade e no que presta atención aos seus usuarios. Desta forma, puido coñecer de primeira man o traballo que desenvolve a organización e as súas necesidades.
Acompañada pola presidenta da entidade, Carmen Fernández Quiroga, e a directora das instalacións, Inés Ramos, Do Campo aproveitou a visita para expresar o apoio do Goberno galego á labor da organización para incrementar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e dos seus familiares a través dunha atención multidisciplinar.
Na actualidade, a asociación recibe de parte do Executivo autonómico, a través da Consellería de Traballo e Benestar, unha subvención de 50.886 euros para a contratación de tres persoas que están a favorecer o correcto desenvolvemento da súa actividade. Na mesma liña, a Consellería de Sanidade acaba de concederlle outra axuda de 8.547 euros para complementar as labores do programa de rehabilitación fisioterapéutica.
Neste senso, os responsables de Adaceco tamén lle trasladaron á máxima representante da Xunta na provincia os proxectos de futuro e solicitáronlle o respaldo do departamento autonómico para seguir promovendo accións encamiñadas a mellorar a situación dos afectados polo dano cerebral adquirido e dos seus familiares na cidade da Coruña e a súa área de influencia.
A organización foi creada hai 13 anos e ten a día de hoxe preto de 150 usuarios e 350 socios. Conta con diversos servizos distribuídos en tres áreas: a social, a asistencial e a técnica. Así, desde a entidade ofrécese información, orientación e asesoramento sobre os recursos ao alcance dos usuarios, apoio psicosocial e actividades de ocio e tempo libre, á vez que tamén se prestan terapias específicas de rehabilitación e complementarias. Os servizos compleméntanse cun centro de día para os usuarios, transporte adaptado e con tarefas de formación para os profesionais, así como campañas de divulgación sobre o dano cerebral adquirido.
A visita de hoxe enmárcase na rolda de contactos que Do Campo desenvolve de forma periódica coas entidades que desenvolven a súa labor social na provincia, dando así resposta ao seu compromiso de estreitar a colaboración do Goberno galego con este tipo de organizacións para mellorar o benestar dos cidadáns. Na mesma liña, a delegada expresou a súa disposición a traballar para favorecer a cooperación de outras institucións e a implicación tamén das administracións locais con estas tarefas asistenciais.











