A área de benestar de Teo oferta un programa de excursións para os maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O programa de excursións do Departamento de Benestar é xa un elemento consolidado no Concello de Teo. Este ano o equipo do edil Ignacio Iglesias traballou nunha proposta dinámica na que se mesturan actividades e destinos nos que seguro que os participantes non se aburrirán. Esta actividade leva anos realizándose, o que permite que sexan os propios participantes tamén os que vaian definindo o tipo de excursións nas que máis desfrutan.

O concelleiro de Benestar, Ignacio Iglesias, destaca que esta actividade é moi cooperativa “xa que dende o Concello organizamos a saída e pagamos os autobuses pero os participantes encárganse do gasto da comida, entradas, etc.”. A maiores salienta que “este tipo de accións son unha forma de potenciar unha mellor calidade de vida entre as persoas maiores e xenerar comunidade entre este colectivo”.

E as opinións dos participantes e as gañas de actividades dinámicas vese reflexada no programa final. Este ano repítese unha visita ás termas de Outariz e á cidade de Ourense. Será o 20 de febreiro e para participar haberá que levar roupa de baño. Esta é a única saída que se fará durante a semana xa que outro dos elementos fixos destas excursións é que se fan os últimos sábados de mes e para participar o prazo de inscrición está aberto na primeira quincena dese mesmo mes.

No 2014 tamén se repetirá unha experiencia que se fixo o ano pasado e resultou positiva. No mes de abril a saída durará dous días, o 26 e 27, e pasarán unha noite fóra da casa. Visitarán Asturias e tentarán coñecer as principais cidades do Principado: Oviedo, Xixón e Avilés.

No mes de marzo, o 29, a saída será a Armenteira, Vilaboa e Pontevedra, mentras que o 31 de maio o destino será Cabana de Bergantiños, Corme e Buño. No verán como vén sendo habitual non haberá programación e o 27 de setembro visitarán O Courel. A última excursión do ano será a Santiago para participar nunha visita ós tellados da Catedral. Trátase dunha actividade que moitas persoas non realizaron nunca, a pesares do preto que está Compostela.

As excursións son en autobús e para participar hai que estar empadroado en Teo, ser pensionista de 50 anos ou máis idade ou ter os 60 anos cumpridos. Para inscribirse hai que facelo nos Servizos Sociais Comunitarios do Concello, ben persoalmente ou no teléfono 981 809 707. A inscrición de cada excursión realízase nos primeiros quince días do mes no que se vai realizar.

Este programa, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, está moi asentado entre o colectivo de persoas maiores. O ano pasado participaron nel ó redor de 650 persoas en todo o ano.  

27 de xaneiro de 2014 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.