A APV presenta á comunidade portuaria un innovador sistema de redución de emisións nos buques

Presentación do sistema
O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, presentou esta mañá a consignatarios e armadores, así como a buques de servizo (remolcadores, amarradores, …) o proxecto Green Port Energy Center (GPEC), no que a institución olívica traballa desde hai meses da man dun consorcio liderado por Internaco e formado por cinco empresas (Key Plan, Vicus DT, Inabensa, Emenasa e Inova), así como por tres organismos de investigación, como son o Campus do Mar e o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) e Apet.
Durante a presentación deste proxecto pioneiro a nivel mundial, o Presidente portuario, acompañado polo responsable de INOVA, Alberto Casal, e polo Xefe de División de Medio Ambiente da terminal olívica, Carlos Botana, explicou á Comunidade Portuaria que se trata dun sistema altamente eficiente e que resolve os diferentes tipos de demandas enerxéticas, cuxo obxectivo non é outro que o de reducir as emisións dos buques atracados en porto.
Segundo indicou, a institución que preside vén traballando desde fai máis dun ano neste sistema ideado e xestado integramente en Galicia e, até o momento, os membros deste equipo de investigación obtiveron información daqueles barcos que realizan máis de dez escalas ao ano, que son os que se van a estudar para aplicar este sistema.
Tras a reunión de hoxe, as empresas participantes visitarán o buque de investigación Sarmiento de Gamboa, pertencente ao CSIC, onde se procederá á calibración deste prototipo, que xa estará en funcionamento ao longo do mes de setembro, tras o que se validará no último trimestre do ano, podendo entrar a formar parte do uso portuario a finais de 2014.
Porto Verde
Con este proxecto, o Porto de Vigo cumpre con todos os requisitos para converterse nun Porto Verde, xa que lle permite dispor de capacidade para realizar a subministración eléctrica a buques de maior tamaño, o que complementa ao resto de iniciativas que estivo desenvolvendo a Autoridade Portuaria viguesa en materia ambiental, como o apoio ao uso de GNL (gas natural licuado), a mellora da mobilidade, o uso de enerxías renovables, a xestión ambiental cos maiores estándares como a certificación EMAS, a ISO 14001 e o certificado PERS ou ECOPORTS.
Así mesmo, este proxecto está dirixido a contribuír significativamente á resolución do dobre reto estratéxico exposto a nivel europeo de redución do consumo enerxético e de emisións GHG, e está enfocado, por tanto, a desenvolver unha solución que logre, simultaneamente, unha mellora significativa da eficiencia enerxética e unha redución efectiva das emisións dos buques en porto, como principais consumidores de enerxía e fontes de emisións, de tal forma que a súa implementación resulte factible e viable.
Por todo iso, este proxecto permitirá á terminal portuaria de Vigo situarse moi favorablemente en termos de eficiencia enerxética e sustentabilidade, posibilitándolle ofrecer aos buques novos servizos portuarios relativos á enerxía altamente competitivos. De feito, un dos obxectivos do proxecto GPEC é precisamente este: permitir que os portos dean un servizo completo cubrindo a demanda con tarifas competitivas.
En que consiste
O proxecto, consiste no deseño e construción dun colector a gas natural que permita a subministración eléctrica de aire quente e frío aos buques, co que poderán apagar os seus motores (ColdIroning) durante a súa estancia en porto, sen producir emisións de gases á atmosfera.
Trátase dun sistema que aúna a redución efectiva das emisións dos buques en porto coa flexibilidade operativa e a eficiencia económica que fan viable a súa implantación en portos de tamaño medio e medio-grande, como sucede no caso de Vigo. Un sistema modular, móbil —podería colocarse a pé de peirao, sobre unha barcaza ou no propio barco a través dun guindastre convencional— e facilmente escalable. Así mesmo, resulta altamente eficiente —ten un rendemento previsto do 90%— e resolve os diferentes tipos de demandas enerxéticas, ademais de reducir moi significativamente as emisións, simplificar as conexións co buque e utilizable para outros usos portuarios non necesariamente ligados a buques (lonxas, edificios…).
Todo iso conséguese grazas a unha poligeneración a través dun motor de gas natural licuado capaz de fornecer enerxía eléctrica e térmica ao buque. Este sistema é aplicable a buques medios, como é o caso dos Ro-Ro, os Feeder ou os de carga xeral, con potencias e consumo inferiores a 1 megawatt.
O proxecto, ten unha duración de tres anos e conta cun orzamento de 1,8 M€, dos que algo máis de 913.000 euros, foron subvencionados pola UE a través das axudas FEDER Innterconecta.











