A Alianza Libre Europea celebrará a súa asemblea anual en Santiago
A Alianza Libre Europea (ALE) celebrará a súa asemblea anual en Santiago de Compostela os próximos 13 e 15 de febreiro co BNG como formación anfitrioa e no medio das negociacións para conformar candidaturas para as eleccións europeas que terán lugar o 25 de maio deste ano. Actualmente, o Bloque compartiu na Eurocámara con esta plataforma en coalición cos Verdes europeos, a cuarta forza política.
A ALE é un partido europeo integrado por 40 formacións políticas nacionalistas de 17 estados, que ten como elemento común a defensa dunha ‘Europa dos pobos’ a través do exercicio do dereito de autodeterminación, a defensa da diversidade lingüística e cultural, así como a defensa do desenvolvemento económico e social das súas respectivas nacións.
Entre as organizacións políticas que son membros da ALE do Estado español, participarán tamén Esquerra Republicana, Aralar, Eusko Alkartasuna, Bloc Nacionalista Valenciá, PSM-Entesa Nacionalista de Mallorca, Nova Canarias e o Partido Andalucista. Xunto a eles, estarán representantes do Partido Nacionalista Escocés (SNP), o Partido Nacionalista de Flandes (N-VAI) e o Partido Nacionalista de Gales (Plaid Cymru), entre outros, até un total de 150 representantes.
A celebración da asemblea, que será inaugurada polo portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, e o presidente da ALE, o flamenco Eric Defoort, servirá, para os nacionalistas galegos, para dar a oportunidade a todos os seus membros de “estreitar lazos de face ao traballo conxunto como organizacións nacionalistas e no Parlamento europeo” despois das eleccións deste ano.
Neste sentido, a xornada do 15 de febreiro estará centrada nun gran acto político que organiza o BNG coa participación de diferentes referentes da coalición para abordar as eleccións europeas, nas que a formación galega ten como obxectivo “conseguir unha voz forte para a defensa de Galicia en Bruxelas e contribuír á construción dun modelo de Europa democrática, solidaria e dos pobos”, fronte ao modelo “modelo neoliberal impulsado pola troika aos servizos dos ‘lobbies’ económicos e financeiros”.
Ademais, o BNG pretende que Galicia consiga unha candidatura con todas as forzas nacionalistas de esquerdas (singularmente Compromiso por Galicia e Anova), pero esta opción está parada á espera de senllas decisións das outras dúas organizacións.
ASEMBLEA DOS MOZOS
Paralelamente a este acto da ALE, tamén se celebrará en Santiago a asemblea de ALE-Mocidade, que congregará ás organizacións e grupos das mocidades dos partidos membros, como Galiza Nova –referente xuvenil do BNG– e que será a anfitrioa; e haberá actos das fundacións dos partidos, capitaneadas pola Fundación Galiza Sempre.
“IMPORTANCIA DA CITA”
A secretaria de Política Internacional do BNG, Ana Miranda, asistiu este mércores á executiva da ALE e subliñou a “importancia desta cita” que traerá a Santiago, en vésperas dos comicios europeos, a responsables de organizacións nacionalistas de toda Europa” e que “comparten” a idea do “dereito dos pobos a decidir por si mesmos”. No caso do BNG, dixo, supón a “defensa do autogoberno e das institucións propias para avanzar cara a unha Galicia soberana”.
Precisamente, Ana Miranda foi a eurodiputada polo BNG durante o período que lle correspondeu no escano rotativo que logrou a alianza pola circunscrición española.
No seu traballo, segundo destaca o BNG, estivo a “defensa dos intereses de Galicia na UE” nun período en que se debateron e aprobaron cuestións como a Política Agraria Común, a Política de Pesca Común e a Rede Transeuropea de Transportes, así como os fondos comunitarios.