80 membros da Rondalla Infantil e da Coral Polifónica de Brión reúnense para retomar estes dous proxectos musicais
Un total de 80 integrantes da Coral Polifónica e da Rondalla Infantil de Brión, dous proxectos musicais nacidos nos anos oitenta e desaparecidos no ano 2011, reuníronse a pasada fin de semana no Hotel Scala (Padrón) para compartir unha cea de homenaxe. Un encontro que incluíu unha sorpresa, pois un grupo daqueles “rapaces” da Rondalla Infantil, que prepararon unha actuación musical na que interpretaron varias pezas do seu vello repertorio. Unha actuación á que tamén se sumaron integrantes da Coral Polifónica.
A actuación tivo lugar tras o pase dun vídeo conmemorativo, con imaxes de actuacións e dos ensaios, así como un apartado especial dedicado a Isaac Vázquez Alvite, alma máter de ambas formacións musicais. Os músicos brioneses sorprenderon aos seus compañeiros cunha maxistral interpretación, que demostrou que o paso dos anos non estragou as boas maneiras que sempre amosaron coa guitarra, co laude ou coa bandurra. Os membros da Coral Polifónica acompañaron aos seus compañeiros en varias pezas, arrincando do público un caloroso e emocionado aplauso.
Recuperar o proxecto
A Rondalla e Coral Polifónica de Brión foron dous proxectos musicais que, dende finais dos anos oitenta ata comezos do novo século, convertéronse nun indiscutible referente musical na contorna. Dúas agrupacións que xuntas compartiron innumerables éxitos guiadas pola man do seu director Isaac Vázquez Alvite. O pasado 25 de outubro varias xeracións de brioneses vinculados á Rondalla e Coral Polifónica volveron reunirse para lembrar aqueles anos de aprendizaxe, ensaios e actuacións. De xeito paralelo, renderon unha merecida homenaxe ao que fora o seu director e mestre durante tantos anos, o finado Isaac Vázquez.
Naquela xuntanza os participantes acordaron o compromiso de organizar unha cea onde reunirse outra vez. Unha oportunidade para que os que non asistiron ao acto puideran xuntarse cos seus compañeiros de sempre. Unha emotiva reunión que certifica a importancia da memoria e reivindica un proxecto musical que aínda semella ter moito que dicir, xa que xa hai xente traballando para iniciar unha nova etapa para unha Rondalla e unha Coral que tanto fixeron pola música en Brión.











