730 escolares de once centros ferroláns participarán no novo programa “Enredad@s”
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, inicia mañá o seu novo programa “EnREDad@s” que consiste nun espectáculo teatral creado para abrir o debate nas aulas sobre a intensa relación que teñen os mozos e mozas coas novas tecnoloxías, como as pantallas e diferentes soportes -televisión, internet, videoxogos e móbiles-, así como o traballo de unidades didácticas nas aulas. Máis de 730 estudantes de once centros educativos do termo municipal participarán entre mañá e pasadomañá nesta iniciativa que terá lugar no Teatro Jofre.
O eixo da narración e de complicidade co espectador será o cegamento que produce unha pantalla acendida. Unha chamada de móbil, un pago con tarxeta, un click en internet… e cada un dos nosos pasos queda rexistrado en grandes bases de datos. Toda esta información agrupada rebelará, incluso, os nosos desexos máis inconfesables. “EnREDad@s”, o teatro como recurso para provocar entre a mocidade unha reflexión directa e divertida sobre os riscos e virtudes do consumo de “pantallas”, sobre a importancia da autonomía persoal para seleccionar os contidos que nos asaltan a través das innumerables pantallas que o século XXI introduciu, sen preguntar, na nosa vida privada. A programación prevista, segundos os días e os centros escolares que participarán, é a seguinte:
– Martes, día 21 de xaneiro: Haberá dous pases, o primeiro ás 10:00 horas e o segundos ás 12:00 horas. Na primeira sesión participarán un total de 251 estudantes do IES Carballo Calero, CPR Valle Inclán, CPR Compañía de María, IES Ferrol Vello e o CPR Discipulas J.M. Na sesión das 12:00 horas serán 254 os escolares que pasarán polo teatro municipal e que pertencen ao IES Concepción Arenal, IES Sofía Casanova e CPR La Salle.
– Mércores, día 22 de xaneiro. Haberá un único pase ás 10:00 horas no que participarán 231 alumnos/as dos IES Catabois, Montojo e Canido.
Ademais, o espectáculo será completado con amplo material didáctico e audiovisual, elaborado por técnicos en prevención, para orientar o debate posterior cos mozos e mozas nas aulas. Esta guía didáctica suscita o tema dende perspectivas diferentes como: algúns videoxogos violentos que provocan aos mozos a confusión entre realidade e virtualidade; a pouca prudencia dos datos persoais na rede; ou o acoso a través da mesma.











