63 mozos difunden información xuvenil entre estudantes de 12 institutos de Santiago cun programa de Xuventude

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de CompostelaXuventude
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, vén de poñer en marcha unha nova iniciativa para promover o voluntariado e difundir información xuvenil entre a mocidade galega. Trátase do programa ‘Correspondentes Xuvenís 3.0’, que xa se desenvolveu o curso pasado en Santiago de maneira experimental. Tras o éxito acadado, este ano decidiuse ampliar esta actuación na que xa están a participar un total de 63 mozos e mozas en 12 institutos de secundaria da cidade compostelá

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, mantivo hoxe unha xuntanza en Santiago cos correspondentes, aos que agradeceu o labor que están a realizar e os animou a seguir liderando a difusión da información xuvenil como a detectar e trasladar á Administración autonómica as demandas e necesidades dos mozos e mozas.

Os correspondentes recibirán ao remate do curso un certificado que os acreditará como voluntarios xuvenís, un título de educación non forma que, segundo explicou Rodeiro, é un valor engadido para o currículo, que cada vez se valora máis en Europa. Así mesmo, os participantes recibirán o carné Xove que expide Xuventude.

Os institutos que están a tomar parte do programa son: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Politécnico de Conxo, Sar, San Clemente, Pontepedriña, La Salle, Antón Fraguas, Mestre Mateo e Fontiñas.

Os correspondentes reciben periodicamente información e semanalmente un boletín informativo que se elabora no Centro Coordinador de Información Xuvenil de Xuventude, así como folletos e outro material de interese. A través de diferentes medios, como o taboleiro do propio instituto, blogs ou as redes sociais, difunden a información entre os seus propios compañeiros.

Por un lado, informan de temas que poden ser de interese xeral para a mocidade, como becas e axudas, ofertas de traballo, recursos e direccións de interese, aloxamentos xuvenís ou ocio e tempo libre; e, por outra banda, difunden a información que xera o propio centro educativo, como certames ou viaxes, o que permite dar visibilidade ás actuacións do instituto, que poden ser exemplos de boas prácticas a seguir por outros centros ou entidades xuvenís.

Desta maneira, os correspondentes convértense nuns mediadores ou axentes de información xuvenil entre iguais, o que redunda nunha mellor acollida da información por parte dos compañeiros, segundo sinalou Rodeiro. Para levar a cabo este labor, os mozos e mozas estiveron acompañados polos orientadores dos centros que participan no programa, os cales, tal e como destacou o director xeral de Xuventude, son “un piar fundamental” para a posta en marcha deste proxecto.

Por último, Rodeiro apuntou que este modelo permite “descentralizar a información xuvenil para achegala aos mozos e mozas dun xeito directo a través dos seus compañeiros” e sinalou que o obxectivo da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado é o de trasladar este programa a outras cidades e vilas. De feito, neste curso outros 11 institutos galegos contan con correspondentes xuvenís 3.0.
 

16 de xaneiro de 2014 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.