34 parellas vilagarciáns casaron en 2013 nas dependencias municipais de Ravella

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Casa Consistorial acolleu o pasado ano 34 cerimonias de matrimonio civil, tres máis que en 2012. A potestade de oficiar casamentos no Concello corresponde ao alcalde que a pode delegar noutros membros da Corporación. Ademais, tamén se lles ofrece aos noivos a posibilidade de que sexan eles os que elixan o edil que desexan que os case. Por iso, aínda que o rexedor, Tomás Fole, foi o edil que oficiou máis enlaces en 2013, tamén tiveron a oportunidade de casar outros sete concelleiros de goberno e oposición.

A cifra de 34 vodas rompe a tendencia que se viña rexistrando ultimamente con descenso do número de casamentos dous anos consecutivos. De feito, en 2012 foron 31 as parellas que elixiron Ravella para contraer matrimonio, 33 fixérono en 2011 e 42 en 2010. Non obstante, aínda queda lonxe o record rexistrado en 2007 cando se celebraron no Concello 53 celebracións.

Como xa se apuntou, o membro da Corporación máis casamenteiro foi en 2013 o alcalde, Tomás Fole, con 14 vodas oficiadas, seguido da súa compañeira de goberno, Rocío Llovo que casou a 10 parellas. O terceiro posto correspóndelle á concelleira do PSOE, Susana Camiño, que presidiu 4 cerimonias, seguida da edil do PP, Elena Suárez, que o fixo en dúas ocasións. O cuarto concelleiro do grupo de goberno que tivo a oportunidade de oficiar un casamento foi Francisco González, cunha voda no seu haber. E os outros tres edís da oposición que tamén casaron en 2013 nunha ocasión foron os socialistas Lino Mouriño e Manuel Rodríguez Cuervo, e a nacionalista Elena Mariño.

En canto á temporada do ano máis propicia para casar segundo a elección das parellas que contraeron matrimonio no Concello, parece que esta se reparte entre finais do verán e a primavera; tendencia que difire da dos últimos anos nos que se optaba en maior medida polo verán e principios de outono. O mes de 2013 no que se celebraron máis vodas foi setembro (8), seguido de agosto (6), pasando a continuación a Maio (4), marzo (3) e xuño( 3). As estatísticas demostran que calquera estación é boa para casar, xa que tamén houbo vodas en Ravella nos meses de decembro (3), outubro e (2), novembro (2). E en febreiro, abril e xuño casaron unha parella por mes. A axenda municipal de vodas so quedou en branco no mes de xaneiro.

O Concello de Vilagarcía leva 17 anos celebrando vodas civís. A primeira tivo lugar na primavera dese ano e, dende entón, suman 522 as parellas que elixiron o consistorio para contraer matrimonio pola vía civil.

Os noivos que elixen o Concello para casar poden optar pola voda administrativa ou pola cerimonial. As primeiras poden celebrarse de luns a venres en horario laboral do Concello, son totalmente de balde e consisten na forma da documentación na Alcaldía. A voda cerimonial pode celebrarse polas tardes, fins de semana ou festivos. Celébranse no Salón Nobre e a escalinata principal do Concello cúbrese coa alfombra vermella. Dende o ano 2007, estas vodas conlevan a aplicación dunha taxa de 75 euros euros correspondentes aos gastos de apertura do Concello fora de horario laboral, e do persoal preciso para a posta a punto do salón nobre. En ámbolos dous casos, o Concello entrega ao noivos un detalle.

2 de xaneiro de 2014 | 12:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.