25 cativos participan este ano no programa “Espazos das familias” en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

“Espazos das familias” son unha serie de obradoiros que se desenvolven cada quince días nos que os cativos e os seus pais e nais comparten hora e media de xogos participativos. Alén diso, o programa tamén se centra na reflexión sobre a educación dos máis pequenos con asesoramento especializado e intercambiando experiencias. Nesta terceira edición do programa participan 25 nenos e nenas canda as súas familias repartidas en dúas quendas, unha de mañá e outra de tarde.

O obxectivo desta actividade, que durará ata o mes de maio, é apoiar as familias na educación infantil ofrecendo un espazo onde se relacionar dunha forma lúdica. Así, na primeira parte das sesións pais e cativos cantan, pintan ou fan xoguetes con materiais de refugallo, entre outras cousas. Na última parte os maiores debaten sobre cuestións como as normas e límites, a importancia do gateo, ou calquera outro tema ou dúbida que expoñan as familias. Búscase que as persoas participantes se impliquen activamente de cara a crear un espazo onde compartir un tempo de calidade cos seus fillos e fillas.

“Tempos das familias” vai dirixido a familias con nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, unha etapa da infancia na que os pequenos empezan a descubrir o mundo que os rodea e na que se vai conformando a súa personalidade. Ademais, as sesións tamén perseguen que os pais e nais aprendan todo o que hai que saber sobre o crecemento infantil, sobre a necesidade de que todo o nucleo familiar se implique no labor educativo dos novos membros e, máis que nada, sobre como levar a cabo unha crianza dos nenos responsable e igualitaria.

“Tempos…” forma parte do Programa de Educación familiar impulsado polo Concello. O servizo prestouse ata 2011 por medio da Fundación Preescolar na Casa. Porén, a disolución deste organismo despois de décadas de traballo e o éxito alcanzado ata o momento -75 inscricións nos últimos tres anos- levaron ao departamento de Educación e Igualdade a continuar co proxecto, que conta con apoio da Deputación da Coruña para a merca de materiais.

23 de xaneiro de 2014 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.