publicidade hoxe

22 desempregados de Rois, Padrón e Dodro fórmanse no obradoiro ‘Terras de Iria’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDodroLocal PortadaPadrónRois
A-
A+

Un total de 22 persoas desempregadas de Rois, Padrón e Dodro están a participar no obradoiro de emprego ‘Terras de Iria’ no que a Consellería de Traballo e Benestar está a investir preto de 200.000 euros. Os alumnos e alumnas están formándose nas especialidades de albanelería e instalación e mantemento de xardín e zonas verdes.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe aos participantes deste programa mixto de formación e emprego que ofrece unha formación teórica e práctica de calidade ao tempo que permite acceder a un posto de traballo. A titular de Traballo destacou que esta iniciativa, ademais, leva aparellada a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade.

No caso do obradoiro ‘Terras de Iria’, entre outras actuacións, os participantes están a arranxar varias rúas en Padrón; a planta baixa da antiga escola unitaria de Os Dices, en Rois; e o lavadoiro de Bexo, a fonte de Eiró e o acceso á escola de Dodriño en Dodro. Así mesmo, están a levar a cabo o mantemento de diversas zonas verdes nos tres concellos.

Mato indicou que o Goberno galego mantén “unha firme aposta” por este tipo de actuacións e, así, lembrou que na actualidade hai en marcha en toda Galicia un total de 50 obradoiros dos que 17 están a desenvolverse na provincia da Coruña.

O orzamento para toda a Comunidade autónoma é de máis de 9,5 millóns de euros o que permite que preto de 1.300 galegos e galegas poidan tomar parte desta iniciativa. Na provincia da Coruña, o investimento supera os 3,3 millóns de euros e estanse a formar na actualidade 370 alumnos e alumnas.

Por último, a titular de Traballo destacou que para 2014 está a prevista a posta en marcha doutros 50 obradoiros de emprego en Galicia. Para elo, xa saíu no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de axudas que conta cunha dotación de 10,2 millóns de euros.

22 de xaneiro de 2014 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.