2.525 usuarios empregaron en 2013 as instalacións da Aula de Informática do Milladoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Durante os últimos doce meses, a Aula de Informática do Milladoiro rexistrou a 2.525 usuarios que empregaron as súas instalacións para participar en cursos organizados polo Concello ou para realizar outro tipo de tarefas como consultar o correo electrónico, facer traballos persoais, ler o xornal ou buscar información. Durante as horas de Aula Aberta, calquera persoa empadroada no municipio pode facer uso das instalacións. O horario de acceso aberto é de luns a xoves de 16:00 a 20:00 horas e os venres de 9:30 a 13:30 horas.

A cifra de usuarios rexistrada en 2013 é a máis alta dos últimos catro anos e supera á de 2012, ano no que se contabilizaron na Aula de Informática do Milladoiro un total de 2.451 usuarios. Desde a súa posta en marcha no ano 2003, a aula contabilizou un total de 36.966 persoas que empregaron as instalacións.

Ademais do servizo de Aula Aberta, ao longo de 2013 programáronse un total de 11 cursos de formación dirixidos a diferentes sectores da poboación. Entre os temas abordados nestes cursos destaca a iniciación a internet, mecanografía ou alfabetización dixital para a Escola de Maiores. En total, rexistráronse nestes cursos máis de 210 inscricións. Esta cifra tamén é moi superior á contabilizada en 2012, ano no que se rexistraron 160 inscricións.

9 de xaneiro de 2014 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.