150 cativos terán un agasallo a través da campaña de recollida de xoguetes do Concello de Ames

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A concellaría de Voluntariado e Maiores puxo en marcha un ano máis unha campaña de recollida de xoguetes. Grazas á solidariedade dos veciños e veciñas amienses e ao traballo da Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) preto de 150 nenos e nenas disporán dun agasallo o día de Reis. Durante esta semana seis voluntarias e técnicos da OVA estiveron realizando a selección dos xoguetes e elaborando os paquetes que serán entregados nos próximos días.

A campaña púxose en marcha o pasado 4 de decembro. Este ano, baixo o lema ¿Déixasme xogar?, recolléronse un gran número de xoguetes para entregar a nenos e nenas do concello e sensibilizar a xente de que doar un xoguete non consiste en dar caridade, baleirar armarios ou reciclar obxectos que nos molestan na casa, senón que hai que poñer un pouco de xustiza e ofrecer solidariedade e xenerosidade de balde.

Para evitar que os nenos e nenas non gocen destas datas, o Concello de Ames apostou un ano máis por realizar unha recollida de xoguetes para que todos os meniños e meniñas poidan ter un bo día de Reis. Durante esta semana seis voluntarias estiveron realizando a selección dos xoguetes que se atopan en bo estado e empaquetáronos con papel de agasallo. Tamén se encargaron de ordenalos segundo a idade do neno/a ao que vai dirixido cada xoguete. Nestas tarefas tamén traballou o persoal da Oficina de Voluntariado de Ames.

Finalmente, os agasallos acabarán o 6 de xaneiro baixo a árbore de Nadal dun total de 150 rapaces e rapazas. As persoas que desexen obter máis información deben dirixirse á Oficina Municipal do Voluntariado (OVA) chamando ao teléfono 662 377 044, ou ben preguntar nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

2 de xaneiro de 2014 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.