15 persoas remataron en Ferrol o itinerario de inserción socio-laboral “actividades auxiliares de almacén”
Un total de 15 persoas desempregadas finalizaron onte con aproveitamento o itinerario de inserción socio-laboral “Actividades auxiliares de almacén”, que cualifica aos participantes para traballar en almacéns. Esta acción formativa posta en marcha ao abeiro do proxecto “Ferrol punto de emprego II” pola Concellería de Emprego do Concello de Ferrol, que dirixe Martina Aneiros Barros, deu comezo o pasado 5 de novembro e tivo unha duración total de 280 horas.
As 15 persoas participantes, das que 10 eran homes e 5 mulleres, recibiron 50 horas de formación en “Manipulación de cargas con carretillas elevadoras”, o que garante o nivel de coñecementos necesarios para o desempeño das funcións de condución de carretillas elevadoras. O alumnado do itinerario de almacén realizou as 90 horas de práctica profesional titorizada en almacéns das empresas Lidl, Bricodepot Ferrol, Sport Zone Ferrol, Seur e Bricoking. Así mesmo e no marco deste curso de almacén, os participantes tamén realizaron dúas visitas didácticas ás instalacións de Pull & Bear Logística e de Indipunt no polígono de Río do Pozo.
A edil de emprego explicou que o obxectivo desta acción formativa foi “capacitar para a realización de operacións auxiliares de almacén, recepción, ubicación básica, preparación e expedición de cargas e descargas, de forma coordinada ou en equipo, baixo a supervisión dun responsable, seguindo as instrucións recibidas, e aplicando os procedementos e equipos adecuados, en condicións de produtividade e respectando a normativa de seguridade, saúde e prevención de riscos”. O proxecto da Administración ferrolá “Ferrol punto de emprego II”, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), ten como finalidade proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.











