publicidade hoxe

Vilar de Santos investirá 100.368 euros na renovacion e mellora de infraestruturas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilar de Santos
A-
A+

Cun investimento global de 100.368 euros xa aprobados, o Concello de Vilar de Santos levará a cabo varios proxectos incluídos nun Programa de Infraestruturas con diversas actuacións de renovación e mellora viaria a desenvolver en todo o territorio municipal co obxectivo de seguir ca modernización dos equipamentos e infraestruturas públicas municipais destes últimos anos.

Cun orzamento total de 34.377 euros, realizarase un Proxecto de mellora de camiños dentro do Plan marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014, financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Este proxecto contempla a mellora nun total de 10 Km da rede municipal de camiños agrícolas da concentración parcelaria coa limpeza de cunetas para evitar os encharcamentos e desbordamentos e posterior nivelación e acondicionamento das pistas con zahorra. Vilar de Santos ten unha rede de camiños da parcelaria de máis de 43 Km. Esta actuación é de suma importancia tanto desde o punto de vista das infraestruturas como desde a actividade agraria, para tratar de previr os efectos negativos do encharcamento de auga nos camiños e nas terras de cultivo e manter  a actividade e dinamismo no sector agrogandeiro do concello.

No Parque Empresarial de Santa Marta e con financiación da Consellería de Economía e Industria e do Concello executarase un proxecto de mellora na pavimentación dos accesos, pintado de viais e outras actuacións menores cun importe global de 18.100 euros. Esta nova actuación complementa as instalacións e infraestruturas no Parque Empresarial para atraer a inversión e instalación de novas empresas e servizos. Na actualidade o polígono ocupa 225.000 m2 de superficie con 20 empresas instaladas.

Incluído no Plan Provincial de Cooperación de Obras e Servizos 2013 coa Deputación, está aprobada a inversión de 41.300 euros para un proxecto de obras de urbanización con melloras en varias rúas, encadradas na Area de Rehabilitación Integral- ARI do núcleo de Vilar de Santos e no resto do pobo, que vai permitir continuar co proceso de rehabilitación urbana e seguir renovando os espazos públicos deste entorno.

Por último, na zona de Rede Natura do concello investiranse un total de 6.591 euros nun total de 6 Km mais de pistas e camiños nunha actuación dirixida á mellora da paisaxe agraria coa limpeza e restauración dos camiños de acceso ás fincas desta zona, cunha axuda da Consellería de Medio Ambiente.

Este conxunto de proxectos súmanse a outras intervencións xa executadas ó longo do ano de mellora noutros  camiños, desbroce e limpeza en todos os pobos e espazos públicos, na rede de sendeiros, limpeza dos regatos e desaugadoiros e demostran a aposta do grupo de goberno do Concello por consolidar nunha coxuntura como a actual o noso proxecto municipal, acometendo os investimentos necesarios para o desenvolvemento do concello e crear as condicións para garantir que Vilar de Santos sexa un concello atractivo, con futuro e alternativas para frear a despoboación e para incentivar e facilitar todo tipo de actividades no medio rural.

5 de decembro de 2013 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.