publicidade hoxe

Vigo percibe 67.000 euros a través do plan marco para reforzar a avenida do Tranvía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada polo xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar, Miguel Pérez Dubois, visitou esta mañá a Avenida do Tranvía, na parroquia de Cabral, para coñecer o tramo da estrada que será obxecto dunha actuación de mellora ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal da Consellería de Medio Rural e do Mar.

Coma explicou Bravo Bosch, o departamento que dirixe a conselleira Rosa Quintana ven de resolver a concesión da axuda solicitada polo Concello de Vigo ao abeiro do Plan Marco para executar o reforzo da capa de rodadura da Avenida do Tranvía, concretamente entre o punto quilométrico 3+140 a 3+890. O investimento subvencionable pola Administración autonómica é de 66.818,50 euros mentres que o Concello faise cargo do pago do IVE.

En total, e a través deste programa, a Xunta de Galicia destinará preto de 600.000 euros (598.509,06) para levar a cabo ao redor de 30 actuacións en camiños e estradas rurais dos 14 concellos que forman parte da área territorial de Vigo, sendo a cidade olívica a que recibe a maior contía.

A parroquia de Cabral xa fora obxecto dunha actuación similar a través deste tipo de axudas para o medio rural, coa que se mellorou a Estrada da Vía. Deste xeito, entre ambas obras, a Xunta destinou case 117.000 euros á mellora das estradas de Cabral.

O Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014 ven a ser unha continuidade do anteriormente coñecido Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM) e lévase a cabo mediante axudas convocadas pola Axencia de Desenvolvemento Rural de Galicia (Agader) dirixidas ás entidades públicas locais. Deste xeito, as actuacións que se enmarcan neste programa teñen coma finalidade que a totalidade dos concellos de Galicia se beneficien da mellora das súas infraestruturas básicas incidindo na mellora da calidade de vida da súa poboación rural. O obxectivo é realizar actuacións de ampliación, mellora ou mantemento de camiños de titularidade municipal na procura de mellorar os accesos e a comunicación, permitindo incrementar a calidade de vida das zonas rurais e contribuíndo á fixación da poboación no rural e á diversificación económica.

No resto da área territorial, entre outras, a Xunta destina case 52.000 euros para o Concello de Salvaterra do Miño, no que se executarán obras de pavimentación de camiños en Fornelos e Arantei; o Concello de Cangas tamén recibe unha cantidade similar (51.211, 02 euros) para diversos camiños na parroquia de Nerga; Moaña percibe preto de 50.000 euros para actuacións na zona de Fanequeira; O Porriño preto de 49.000 euros para a mellora de camiños municipais de Mosende e Torneiros ou, para o Concello de Salceda de Caselas, destina case 42.000 euros para execución na zona de Altamira e Pegullal.

Nos últimos anos, o investimento dedicado ás infraestruturas no eido rural para o ámbito da delegación territorial de Vigo achegouse aos 3 millóns de euros e as actuacións nos 14 concellos centráronse en mellorar as infraestruturas viarias, no acceso a explotacións, reposición de capa de rodaxe, adecuación de camiños e mellora de abastecementos de auga e saneamentos.

9 de decembro de 2013 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.