publicidade hoxe

Valídase a declaración das ribeiras do Mero e o Barcés como Espazo Natural de Interese Local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocal Portada
A-
A+

Abegondo conta cun dos principais espazos naturais da área metropolitana: o encoro de Abegondo – Cecebre, que ostenta a figura de LIC (Lugar de Interese Comunitario) e que ademais serve como punto de abastecemento de milleiros de cidadáns. Pero o Concello entende que a protección dos espazos fluviais non debe descansar no encoro, senón que hai que estendela aos ríos que chegan a el e aos seus leitos. Esta visión global levou a procurar a figura do ENIL (Espazo Natural de Interese Local) para a conservación e protección dos principais ríos que transcorren polo territorio municipal, xunto con áreas delimitadas polo Plan Xeral como solo rústico de protección de espazos naturais conectados con estes ríos. Así naceu a proposta de ENIL “Ribeiras do Mero-Barcés”, aprobada por unanimidade no pleno da corporación de xaneiro e remitida á Xunta de Galicia para a súa aprobación. Agora, a Xunta valida esta proposta. Dado que considera que os valores ambientais do espazo se axustan á declaración, a institución autonómica inicia o procedemento para a aprobación definitiva da figura. Este ENIL, cunha superficie de 197,48 hectáreas, conformarase co Dominio Público Hidráulico e a zona de servidume dos ríos Mero, Barcés, Gobia, Rego de Fontao e Rego de Roufrío xunto con determinadas zonas en contacto con estes ríos delimitadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Abegondo como solo rústico de protección de espazos naturais. As augas de todos estes ríos, dunha ou outra forma van terminar no LIC “Encoro Abegondo-Cecebre”, incluído na Rede Natura 2000 da Unión Europea. No río Mero desembocan os afluentes: río Barcés, río Gobia, Rego de Fontao e Rego de Roufrío. Esta rede fluvial caracterízase pola pouca entidade dos seus leitos e polo seu pequeno percorrido, salvo o Mero e o Barcés. Estes ríos son espazos naturais cun gran potencial ecolóxico de grande calidade ambiental e paisaxística. E actúan como verdadeiros corredores verdes no territorio, polo que deben ser conservados para que actúen como unha rede verde para preservar os diferentes hábitats.

As árbores observadas ao longo destes cinco ríos ao seu paso polo territorio de Abegondo son salgueiros e ameneiros preto dos leitos. Abundan as lianas que cobren os troncos destas árbores. Naquelas zonas onde o bosque de ribeira é máis ancho atópanse pés soltos de freixos, chopos, bidueiros e abeleiras. Polo tanto, o obxectivo primordial desta declaración é protexer e conservar, na zona de servidume, a vexetación de ribeira dos ríos de Abegondo, continuando coa labor que xa se comezara co proxecto Life+ AquaPlann. Esta preservación irá dirixida á zona de protección que impón a lei, a 5 metros dos ríos, incluída no PXOM. Plan de Conservación A declaración coma ENIL implica que o Concello de Abegondo poña en práctica aquelas medidas necesarias e precisas para a conservación destes valores naturais dos ríos. Estas actuacións poderán abarcar desde a limpeza dos leitos ou a roza dos sendeiros ata programas divulgativos, de educación ambiental, ou de erradicación de especies invasoras. En todo caso, no prazo de dous anos, o Concello elaborará o Plan de Conservación do ENIL “Ribeiras do Mero-Barcés” e de uso público deste espazo natural. O ENIL estará sinalado de forma conveniente na contorna. O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, destaca “a importancia ecolóxica, ambiental, económica e social destes enclaves” polo que aposta por poñer os medios para “protexer, conservar e recuperar os seus valores naturais tamén para o desfrute das vindeiras xeracións”. Resalta que todo o territorio estará “interconectado” por espazos protexidos, algo no que tamén foi moi coidadoso o Plan Xeral. O alcalde considera moi axeitada esta denominación, en reforzo da declaración de reserva da biosfera acadada.

16 de decembro de 2013 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.