Unha vintena de locais intégranse na Rede Local de Circuítos de Ocio de Calidade de Catoira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoira
A-
A+

Os 26 responsables e empregados de establecementos hostaleiros de Catoira que asistiron a un curso de formación impartido na Escola de Hostalaría “Compostela” os días 25 de novembro e 2 de decembro valoraron de forma moi positiva a iniciativa, destacando os contidos e desenvolvemento do mesmo, así como a súa utilidade para mellorar as competencias profesionais.

O programa do curso centrouse na dinamización da oferta na restauración, a atención á clientela, elaboración de cócteles e tapas fríos e quentes, a normativa vixente e as medidas de seguridade e prevención de riscos.

O Concello de Catoira, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Ministerio de Sanidade, está a poñer en marcha o programa Rede Local de Circuitos de Ocio de Calidade, encamiñado a que os locais adheridos poidan proporcionar un servizo de calidade, saudable, responsable e seguro ós clientes.

Tras esta primeira actividade, orientada á reciclaxe e formación do persoal relacionado coa hostalaría, o Concello procederá a entregar ós locais que integran a Rede, un total de 20, unha placa que os identifica como membros da mesma, así como carteis nos que se anuncia que eses locais serven:

–  Actuacións de forma profesional e responsable.

–  Medidas e campañas publicitarias que promoven un ocio seguro, saudable e de calidade.

– O respecto da normativa vixente en protección dos menores.

– Unhas adecuadas condicións de acceso e seguridade, tanto no interior como no exterior do local.

– Medidas para evitar que os clientes e clientas conduzan baixo os efectos do alcohol.

En relación con este último punto, o Concello ten previsto distribuír etilómetros entre tódolos locais da Rede, para que os clientes poidan comprobar se están en condicións de poder conducir e co fin de potenciar a figura do condutor alternativo.

4 de decembro de 2013 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.