Unha trintena de maiores de Oroso participaron nunha charla de seguridade

Asistentes á charla
Unha trintena de maiores de Oroso participou na tarde de onte martes nunha charla sobre prevención de roubos e estafas, celebrada no Local da Terceira Idade de Sigüeiro e impartida polo axente Fernando Ríos, da Garda Civil do Milladoiro (Ames). Unha charla moi participativa e produtiva para os maiores orosáns, que aproveitaron para resolver as súas dúbidas sobre como actuar diante dunha situación conflitiva.
Fernando Ríos comezou a súa charla cunha serie de diapositivas nas que lles explicaba aos presentes os distintos tipos de roubos, estafas e timos dos que podían ser vítimas, ademais de ofrecerlles unha serie de consellos para evitar os furtos nos seus fogares, nas súas viaxes, na vía pública, no banco ou navegando por Internet. Así mesmo, o axente explicoulles como actuar e a onde deben acudir no caso de estar en perigo ou ser vítima de roubos ou estafas. Entre eses consellos xerais figuraban non facer fronte ao asaltante, buscar testemuñas, fixarse nos detalles… e contactar coa Garda Civil (062) ou coa Policía Nacional (091).











