Unha quincena de cativos participan na Festa de Nadal do Concello de Frades
Unha quincena de meniños e meniñas menores de catro anos, acompañados polas súas nais, participaron esta mañá nunha Festa de Nadal organizada polo Concello de Frades no multiusos. Os pequenos contaron coa presenza de Papá Noel, quen lles fixo entrega dunhas lambonadas e escoitou as súas peticións para este Nadal. A súa paxe tamén aproveitou para facer un pequeno obradoiro de globoflexia que entretivo aos pequenos.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, aproveitou a celebración desta primeira Festa de Nadal dirixida aos máis pequenos para convidar ás nais a participaren noutras actividades do Programa de Nadal de Frades, especialmente na cabalgata de Reis do 4 de xaneiro e no concerto didáctico da Banda de Música de Merza, que terá lugar este xoves 19 de decembro, ás 11:00 horas, no CPI Pontecarreira. Posteriormente, os pequenos recibirán tamén a visita de Papa Noel e do Paxe Real para recoller as súas cartas e, ao igual ca hoxe, tamén haberá un obradoiro de globoflexia e repartiranse lambonadas entre os pequenos.
Gran Festa de Nadal
Para o próximo luns 23 de decembro, entre as 11:00 e as 13:30 horas, queda a Gran Festa Infantil de Nadal, que terá lugar no multiusos de Frades. Unha festa que o ano pasado reuniu a máis de medio centenar de cativos, acompañados das súas nais, e que incluirá: animación, un contacontos interactivo, un obradoiro de disfraces navideños, xogos, DJ e baile. Ademais, un Papá Noel marchoso recollerá as cartas dos pequenos.
A participación na Gran Festa de Nadal é gratuíta, se ben é preciso anotarse no Concello ou no 981 69 55 67 antes do 20 de decembro.