publicidade hoxe

Unha nova publicación revaloriza o Castelo da Rocha Forte símbolo da historia medieval de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A concelleira de Cidade Histórica e Rehabilitación, María Pardo, presentou o libro Rocha Forte, unha publicación que pretende por en valor esta fortaleza, símbolo do poder feudal do Arcebispado e clave na historia medieval de Santiago e de Galicia. A este libro súmase a edición dun tríptico e a creación dunha páxina web, que será presentada en breve. Ademais, en 2014 comezarán as visitas guiadas ao xacemento, co fin de seguir divulgando a súa historia. Estes materiais divulgativos veñen a complementar os labores de escavación que se viñeron realizando nos últimos meses, posibles grazas a unha subvención do Ministerio de Cultura dun millón de euros. Estes traballos permitiron novos descubrimentos, como un pequeno camposanto, e a definición doutros, como a torre da homenaxe. O proxecto actual concluirá nos vindeiros días co valado da fortaleza e a colocación de paneis informativos.

Pero tal como indicou a concelleira, “aínda queda moito por descubrir”. De aí que o Concello siga elaborando proxectos co fin de solicitar novos fondos que permitan continuar no futuro coas escavacións. Polo de pronto, quérese por en valor o xa descuberto, iniciando as visitas guiadas en 2014.

Editáronse 5.000 exemplares de Rocha Forte, que serán repartidos en centros socioculturais, colexios, bibliotecas e outros puntos de divulgación cidadá. A publicación realizouse nun formato moi visual, con abundantes fotografías e con explicacións nunha linguaxe sinxela e accesible das principais características do xacemento. A información detallada incluirase na páxina web.

Xunto á concelleira María Pardo, estiveron na rolda de prensa de presentación do libro o arqueólogo José Suárez, autor do volume xunto con Xurxo Ayán e Carlos Marín; e Andrea López (A Navalla Suíza) e Manuel de Río (Cenlitrosmetrocadrado), encargados do deseño e maquetación da publicación. Ademais, asistiron a coordinadora na OCiHR, Dolores Cerqueiro, e o coordinador do proxecto, Mario César Vila.

O libro presentarase publicamente este martes, 17 marzo, ás 18:00 horas, no Centro Sociocultural da Rocha.

16 de decembro de 2013 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.