Unha exposición na Casa Solidaria de Ferrol conmemora o Día Internacional da Discapacidade
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, acompañado da concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, visitou este mediodía a exposición conmemorativa do Día Internacional da Discapacidade que este ano se celebran baixo o slogan “Romper as barreiras, abrir as portas, por unha sociedade inclusiva para todos”. Esta mostra pódese visitar na planta baixa da Casa Solidaria os luns, mércores e venres de 09.00 a 14,00 horas.
Rey Varela lembrou non só debe celebrarse o Día Internacional da Discapacidade “senón que tamén hai que concienciar a todos da necesidade de seguir loitando para acadar a accesibilidade universal, romper todo tipo de barreiras e dar as mesmas oportunidades a todas as persoas”.
Exposición, proxección e debate
O Concello de Ferrol celebra este ano o día 3 de decembro cunha exposición de traballos realizada por persoas con diversidade, pertencentes a diferentes entidades que colaboración coa Administración ferrolá. A Asociación Sociocultual de Minusválidos de Ferrol, o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Física (Camf), a Confederación Galega de Persoas de Discapacidade (Cogami), Aspanaes e o centro Souto de Leixa, son algunhas das entidades que integran esta exposición de pintura, manualidades e artesanía.
Así mesmo, a partir das 17:00 horas a Casa Solidaria acolle a proxección dunhas curtametraxes e un debate sobre a discapacidade no que participaron diferentes representantes de Cogami, Diversaidade Funcional, Aspanaes, Camf, Asociación Sociocultural de Minúsvalidos, Teima, Chamorro, Souto de Leixa e Acafe.