Un mozo que ameazou e agrediu a súa parella nunha discusión por un teléfono é detido en Vigo
A Policía Local de Vigo detivo esta fin de semana a un novo de 33 anos de idade, natural de Palma de Mallorca e veciño da cidade olívica, R.M.F., como presunto autor dun delito de violencia de xénero.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar este sábado, cando unha dotación acudiu a un domicilio alertada por unha muller que denunciaba ser obxecto de ameazas e agresión física.
A vítima relatou aos axentes que iniciara unha relación con este rapaz hai uns 4 meses, e que o invitara a pasar uns días na súa casa. Esa mañá, ao espertar, sorprendeu ao mozo manipulando o seu teléfono móbil, polo que iniciaron unha discusión, no transcurso da cal, R.M.F. comezou a ameazala e agredila fisicamente.
Cando a situación se calmou, a muller aproveitou para alertar a Policía Local, que se presentou no domicilio e detivo o presunto agresor. Tanto o detido como as dilixencias foron postos a disposición xudicial.