Un gol de Adrián a 28 segundos do final deu a Galicia o pase á fase final do Campionato de España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLugo
A-
A+

Galicia estará na fase final do Campionato de España de Seleccións sub-19. O combinado galego, que dirixe Mon Barreiro, coouse nesa final a catro tras quedar campión do grupo que encadraba aos galegos xunto a Madrid e Extremadura.

Tanto Galicia como Madrid desfixéronse por idéntico resultado (4-1) de Extremadura, polo que Madrid e Galicia xogábanse o pase na mañá de onte domingo. E saltou a sorpresa, xa que Madrid parecía favorita pola súa historia recente e ademais xogaba como anfitriona, xa que este grupo disputábase na capital de España.

Neste combinado galego atopábanse convocados tres xogadores do Azkar Lugo FS: Adrián, Asier e Rubén Mouriz. E os tres foron importantes xunto co resto do grupo para conseguir o pase á final.

O choque entre madrileños e galegos resultou igualadísimo e decidiuse nos instantes finais. Tralo 1-0 para os madrileños na primeira parte, no segundo periodo os galegos eran capaces de darlle a volta ao marcador con goles de Isma e Asier. Madrid empataría a dous minutos do final facendo porteiro-xogador, pero cando tan só faltaban 28 segundos para o final, e con Galicia tamén facendo o porteiro-xogador, o canteirán lucense Adrián conseguía o gol da vitoria para Galicia e dáballe o pase á súa selección a esa fase final do Campionato de España que xogará ante Murcia, Cataluña e Andalucía, que foron campioas dos seus respectivos grupos.

Ficha técnica:
Madrid 2: Raúl, Samu, Pablo, Álex e Álvaro, -cinco inicial-, Álex Mas, Javivi, Charly, Iván Marquina, Javito e Delpi.
Galicia 3: Alberto, Rubén Mouriz, Samu, Aarón e Adrián González, -cinco inicial-, Asier, Torres, Miguel Anxo, Isma e Hélder.
Árbitros: Arance García e Rubio González (colexio madrileño). Amonestaron a Delpi (Madrid) e a Asier, Adrián e Rubén Mouriz (Galicia).
Incidencias: partido disputado no Polideportivo San José de las Matas. Uns 250 espectadores.
Goles: 1-0 min. 17 Álex Mas, 1-1 min. 29 Isma, 1-2 min. 36 Asier, 2-2 min. 38 Pablo e 2-3 min. 40 Adrián.

30 de decembro de 2013 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.