publicidade hoxe

Un fungo da humidade é a causa de enfermidade das árbores máis vellas do vilagarcián parque da Compostela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A podremia pola que se ven afectadas partes dalgunhas das árbores máis vellas do Parque da Compostela está causada pola acción dun fungo que está naturalmente presente no solo pero que se multiplica en condicións de humidade e calor. Este é o resultado do informe elaborado pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro a petición do Concello co obxecto de esclarecer a razón da morte dalgún exemplar e das últimas roturas de ponlas acaecidas no emblemático parque. Para tratar de minorar o avance do fungo, o Concello realizará unha poda de clareo que contribúa a unha mellor circulación de aire entre as árbores para facilitar o secado das copas.

As análises realizadas pola estación dependente da Deputación detectaron que os axentes patóxenos que producen os danos nas árbores da Compostela son dous tipos de fungos que se desenvolven no solo. Trátase de Armillaria mellea e Fhytophthora sp que, aínda que se atopan de xeito natural no solo, proliferan e se multiplican cando se someten a condicións prolongadas de calor e humidade. Como nesta zona o clima temperado xa ven dado, o factor que fixo que os fungos se reproduciran se xeito importante foi o exceso de humidade resultante dos sistemas de rego artificial do céspede.

Segundo se explica no informe do encargado de Parques e Xardíns, ás árbores adultas bástalles para vivir a auga procedente da chuvia e son moito máis sensibles aos excesos de humidade canto máis anos teñen. Isto, unido á proliferación dos mencionados fungos fai que os exemplares máis vellos resulten moi vulnerables aos fungos que os atacan penetrando neles a través da raíces para ir subindo polo tronco ata chegar ás ramas. A acción destes axentes patóxenos vai podrecendo ás árbores dende dentro e aumentando a súa fraxilidade, razón pola cal algún exemplar secou e varias ramas acabaron tronzando.

Aparte de eliminar ou reducir o rego do céspede, a medida que propón o encargado de Parques e Xardíns e que recibiu o visto bo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, é levar a cabo unha poda de clareo que afecte nas ponlas das árbores da Compostela. Ao reducir a lonxitude das ramas das copas redúcense os riscos de tronzado e, sobre todo, facilítase que o aire circule mellor entre a follaxe para axudar ao secado e reducir a humidade.

19 de decembro de 2013 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.