Un completo programa de actividades achegarase ao Ceo de inverno no Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Concellaría de Medio Ambiente en colaboración coa Asociación astronómica Sirio e a Asociación de veciños Eduardo Pondal organizan nestas festas de Nadal varios obradoiros e charlas sobre o ceo, así como observacións do ceo en distintos puntos da cidade e tamén dende o observatorio de Cototabe. A programación comeza o día 21 de decembro cunha observación solar urbana entre 12 e 14 horas dende a praza da Ferraría. Poderase observar o Sol mediante diferentes métodos seguros: imaxe por proxección, telescopio solar con filtro de hidróxeno alfa (permite ver a coroa, e as protuberancias solares), telescopios con filtros solares que permiten ver as manchas solares. A idea é facer a observación mentras se pasea, se fan compras… O día 23 de decembro haberá un Obradoiro de Galaxias para nenos no Local social do Gorgullón entre as 11 e as 13 horas. Os familiares que acompañen os nenos poderán asistir á proxección dun documental sobre astronomía mentres dura o obradoiro.

Obradoiro está pensado para que os nenos coñezan a natureza, e os tipos de galaxias, construíndo modelos das mesmas. O venres, 27 de decembro, ás 20 horas, haberá unha charla sobre “O Ison. Vida e morte dun cometa” tamén no Local social do Gorgullón. Explicarase a natureza dos cometas e, en particular a orixe, as espectativas provocadas e as causas da morte do Ison. O sábado, 28 de decembro, está prevista unha observación astronómica do ceo de inverno dende o Observatorio Astronómico de Cotobade. Será ás 20.00 horas e poderase ver o planeta Xúpiter e as constelacións e os obxectos relevantes do ceo de inverno.

O martes, 7 de xaneiro, repetirase a observación astronómica urbana, nesta ocasión de 19 a 21 horas dende a praza da Constitución, no barrio de Campolongo. Observación mediante telescopios e prismáticos xigantes, dende o entorno urbano, dos obxectos mais brilantes do ceo: a lúa e o planeta Xúpiter. Ao igual que a observación diurna, a idea é a de que a xente que pasa se deteña un momento a observar o ceo. As persoas interesadas en participar nesta programación deberán inscribirse, de balde, no teléfono 986 100 185, extensión: 7584.

13 de decembro de 2013 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.