Un cento de maiores participan na inauguración do novo Fogar do Pensionista de Cedeira

Inauguración do Fogar do Pensionista
O Concello de Cedeira abriu esta tarde as portas do novo Fogar do Pensionista cun sinxelo acto no que participaron máis dun centenar de maiores do municipio, dando por inauguradas as instalacións. O novo centro está ubicado na pranta baixa dun inmoble da Praza do Sagrado Corazón, con vistas á Praia da Magdalena e máis ao paseo que une as pontes vella e nova. Con 250 metros cadrados de superficie, trátase dun espazo moi funcional e aberto no que se crearon diferentes ambientes: para a tertulia, os xogos de mesa, a lectura da prensa diaria ou a zona de televisión. Amáis, o centro conta cunha aula multiusos que, nos próximos meses, o Concello comezará a dotar de contido mediante a suscripción de acordos con asociacións ou negocios da vila (podoloxía, perruquería, talleres de estimulación cognitiva…).
Dende hoxe, o Fogar do Pensionista preténdese converter nun lugar de referencia para o ocio e a estancia dos maiores e, con ese obxectivo, permanecerá aberto de martes a domingo de cinco a nove da noite. Horarios que o Concello planea ampliar nos vindeiros meses.











