publicidade hoxe

Un brigadista lalinense recibe o premio “Batelumes de Ouro” pola detención dun presunto incendiario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís co brigadista galardoado

Cores Tourís co brigadista galardoado

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recibiu esta mañá no seu despacho ao axente forestal do distrito Deza-Tabeirós, José Javier Lamas Ferradás, quen recentemente recibiu unha mención especial no “Batelumes de ouro” pola súa valentía ao deter a un presunto incendiario en Lalín.

No encontro estivo tamén presente o xefe territorial de Medio Rural e do Mar en Pontevedra, Miguel Dubois, así como o xefe do Servizo de Incendios, Manuel Francisco.

Cores Tourís destacou a intervención de José Javier Lamas para atopar ao presunto responsable da provocación intencionada de 12 incendios forestais na madrugada do día 11 de setembro deste ano.

Segundo relatou o propio brigadista, o 11 de setembro, ás dous da mañá, comezáronse a detectar varios focos de incendio entre as parroquias de Vilatuxe, Lebozán e Zobra, contabilizándose a lo menos 20 focos nun principio. Esa noite atopábase Javier Lamas de garda, polo que acudiu ata a zona. “Dinme conta”, explicoulle a Cores Tourís, “de que os focos seguían un traxecto que coincidía cunha estrada comarcal que une os pobos de Vilatuxe, Moá, Zobra e Castiñeiras, polo que pensei que o incendiario aínda estaría pola zona, xa que os focos do fogo cada vez eran de menor envergadura”.

Ao chegar á altura de Castiñeira, “detectei un individuo que se dispoñía a subir nun coche e que supostamente acababa de prender fogo ao carón da estrada, lume que acabou sendo un incendio forestal”, continuo Javier Lamas. Para evitar a fuxida do presunto incendiario que acaba de subirse ao seu coche, o brigadista interpuxo o seu vehículo, logrando así detelo.

“Grazas a labor de Javier Lamas puidemos imputar a este individuo acusándoo de provocar intencionadamente 12 incendios forestais”, explicou Cores Tourís. “Foi unha proeza persoal e temos que felicitarlle pola boa labor desenvolvida así como polo galardón recibido por este gran traballo”.

Deste xeito, o delegado territorial referiuse ao galardón do “Botalumes de ouro” que outorga a Asociación para a Promoción de Actividades Socioculturais e que foi entregado a José Javier Lamas o pasado 28 de novembro no salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Montes da Universidade Politécnica de Madrid.

Estes premios teñen como obxectivo reducir o número de incendios forestais que se producen cada ano en España así como a superficie afectada polos mesmos. O xurado do mesmo está constituído por destacados membros da Administración Pública, a Universidade, empresas, profesionais, xornalistas e asociacións, tendo como obxecto valorar e dignificar as actuacións realizadas por persoas, institucións ou entidades en materia de defensa dos montes.

No caso das mencións especiais, que foi o outorgado a José Javier Lamas, concédense ás persoas ou entidades que destacaron de forma singular ao longo do ano pola actividade desenvolvida na loita contra os incendios forestais, xa sexa a través da investigación, a divulgación, a sensibilización ou acción directa, como é o caso do brigadista galego.

Javier Lamas leva no Distrito Forestal do Deza-Tabeirós dende o ano 2008 ocupándose de xestións forestais, aínda que levou a cabo labores similares con anterioridade no Distrito V de Vimianzo.

19 de decembro de 2013 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.