Últimos días para solicitar as axudas de agasallos de Reis que concede Benestar Social de Ortigueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

A Concellaría de Benestar Social pecha este venres, 13 de decembro, o prazo para que as familias con menos recursos do municipio soliciten as axudas do Programa de Reis. Esta campaña pretende conseguir que ningún neno/a de Ortigueira quede sen o seu agasallo durante o período do Nadal, ofrecendo para iso un apoio económico a quen teñen maiores problemas para chegar a fin de mes.

A iniciativa solidaria consiste na concesión dunha axuda de pago único destinada ás familias con menor nivel de renda da localidade, destinada a facilitarlles a compra do agasallo de Reis para os seus fillos, ou menores acollidos. Estes han de ter idades inferiores aos 12 anos, que se ampliarán até os 16, no caso de que os menores sufran algunha minusvalía física ou psíquica recoñecida.

Detallan desde o Centro Social da Vila que, entre os gastos subvencionados con cargo ao programa, que fixa unha contía individual por menor de 50 euros, pódense incluír xoguetes, libros e/ ou material didáctico, en función das preferencias ou necesidades que os solicitantes estimen oportunas. No entanto, o concello estipula que os vales han de ser utilizados en calquera establecemento comercial do municipio, unha medida coa que se busca favorecer ao comercio local.

Poderán beneficiarse destas axudas as familias que estean empadroadas desde fai máis dun ano e teñan residencia no concello desde fai máis dun ano e cuxa renda mensual ponderado de calquera procedencia (salarios, pensións, subsidios…) non supere en 1,5 % o salario mínimo interprofesional, unha vez deducidos os gastos de aluguer de vivenda, o que permitirá ampliar a nómina de potenciais beneficiarios/as.

Os interesados poderán cursar a súa solicitude, acompañada da pertinente documentación (impreso debidamente cuberto, fotocopia DNI, fotocopia Libro Familia, xustificación ingresos 2013 e dos gastos de aluguer) no Centro Social de Ortigueira.

9 de decembro de 2013 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.