Últimas xornadas para participar nas campañas solidarias de recollida de alimentos, roupa e xoguetes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O Concello de Neda invitou a veciños e veciñas a participar activamente nas diferentes campañas solidarias de recollida de alimentos, roupa ou xoguetes postas en marcha nestas datas polo Concello e as diferentes entidades sociais e veciñais da real vila. Campañas que se iniciaban o pasado mes de novembro e que rematarán o vindeiro día 15 de decembro.

A primeira delas, e impulsada pola Concellería de Servizos Sociais coa colaboración do tecido asociativo, é a III edición da Campaña de Recollida de Alimentos. As persoas interesadas en colaborar poden entregar os seus alimentos –sempre productos non perecedoiros– nos pun-tos habilitados: grandes superficies comerciais do municipio (Eroski); nos locais municipais de entidades sociais da vila (A VV Anca, A VV Ancos, Asociación de Amas de Casa, A VV O Roxal, na Casilla do Puntal e A VV Viladonelle) e nas oficinas municipais da casa consistorial (Avenida de Alxeciras, 34). Neste último caso, en horario de mañá, de 9 a 14 horas de luns a venres. O Concello prevé entregar as cestas de Nadal ás familias con escasos recursos a partires do 17 de decembro. Estas incluirán, entre outros alimentos, turróns, café, aceite, lacón, pasta, arroz, azúcar ou leite. Elaboraranse tanto cos productos procedentes de Cáritas como desta campaña.

O Puntal

Con data de remate o día 18, tamén continúa vixente a campaña de Recollida de Xoguetes e Roupa impulsada pola Asociación A Canteira. Unha iniciativa que se celebra por primeira vez e que conta co respaldo do Concello de Neda e a participación de diferentes entidades do Puntal –o Círculo Recreativo e Deportivo, a Asociación de Mulleres Rurais NasZocas e a formación musical “A culpa foi de Lolo”-. O punto de recollida é a Casilla do Puntal e os días e horarios: Luns, mércores e venres, dende as 9 ata as 20 horas.

Así, unha vez conclúa a campaña, a entidade fará entrega das donacións ao Departamento Municipal de Servizos Sociais que, á súa vez, distribuirá os productos e materiais aos fogares.

4 de decembro de 2013 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.