Tramítase a concesión de permiso de celebración de dúas festas de fin de ano en Mos
A concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente, Julia Loureiro, informou hoxe de que no que respecta ás festas de fin de ano a celebrar no Concello de Mos, a administración local esixe o cumprimento dunha serie de requisitos establecidos na ordenanza municipal así coma, por suposto, que se axusten á lexislación autonómica vixente ó respecto.
Loureiro explicou que a documentación requerida na ordenanza municipal ós interesados en organizar festas de fin de ano é: acreditación da representación do solicitante na asociación cultural, veciñal ou agrupación que represente, mediante Acta ou outro documento similar; copia completa da póliza de seguro de Responsabilidade Civil, que cubra riscos por danos para persoas e bens, por importe non inferior a 150.000 €, ou pola cantidade que se estime polo técnico municipal ou informe da Policía Local, ou no seu defecto proposta de seguro debidamente aceptada pola aseguradora, así como o recibo que xustifique o pago da mesma; plano de situación do lugar onde se realizará a festa ou xuntanza; e informe da Policía Local sobre o recinto.
E se se van a colocar carpas ou outro tipo de instalacións deberase presentar informe técnico de Enxeñeiro Técnico Industrial, ou no seu defecto, informe do técnico municipal ao respecto, e póliza de Responsabilidade Civil da empresa da carpa; escrito aportando o número de asistentes estimados, horario previsto da festa ou xuntanza e compromiso de limpeza das instalacións e os arredores das mesmas, antes e despois.
No caso de actuacións de grupos musicais profesionais deberase presentar tamén documentación acreditativa de que os seus compoñentes se atopan de alta na Seguridade Social, co fin de eximir responsabilidades municipais no suposto de accidentes laborais ou semellantes; documentación, xustificativa do cumprimento das súas obrigas con respecto a “Sociedad General de Autores”; certificado de Instalación, emitido por instalador autorizado oficial, de Redes de Baixa Tensión (certificado de instalacións eléctricas, RD 842/02 Regulamento Electrotécnico de Baixa Tensión).
De se instalaren postos de bebida, churrarías e de alimentos en xeral; autorización para o exercicio da venda ambulante, co cumprimento dos requisitos contemplados no art. 10 do Dto. Galego 194/2001.
No caso de lanzamento de foguetes habería que adxuntar tamén póliza de responsabilidade civil de pirotecnia, e documento acreditativo da cantidade e tipo de fogos que se van a lanzar e recibo xustificante do pago da mesma.
E por último, é necesario en xeral para tódolos casos mencionados previamente a dispoñibilidade das instalacións para seren inspeccionadas por Técnicos Municipais e demais condicións que se estimen de conveniencia ós efectos sinalados.
Trámites en vigor
Asimesmo a edil mosense responsable do departamento municipal de Medio Ambiente e Urbanismo explicaba esta mañá que a día de hoxe tan só existen rexistradas no Concello dúas solicitudes de permiso para a celebración de sendas festas de fin de ano. En ambos expedientes estase en proceso de tramitación da solicitude e de comprobación do cumprimento de tódolos requisitos esixidos, pero aínda non é efectiva a concesión de ningún dos dous permisos.











