Traballo e sacrificio do Azkar nunha merecida vitoria ante o Xaén
O Azkar Lugo colleitou esta tarde unha traballada e merecida vitoria ante o Jaén Paraíso Interior (0-3) na que é a primeira vitoria dos lucenses na presente tempada lonxe do seu feudo. Os galegos mostraron a liña de anteriores partidos, un equipo ordenado, moi serio defensivamente e que soubo aproveitar as súas mellores ocasións. E hoxe por fin o traballo tivo o seu merecido premio, ademais coa portería a cero por primeira vez na tempada.
Os primeiros minutos foron de tenteo e o primeiro acto non tería un claro dominador. Así aínda que o Jaén parecía mandar un pouco máis no inicio con disparos exteriores, o Azkar Lugo tamén avisaría cun disparo de trinta metros de Aranburu que se ía ao longueiro. Co paso do partido os lucenses subían a súa defensa e complicaban a saída de balón dos andaluces. Aos poucos o Azkar Lugo comíalle terreo ao seu rival e Prieto tamén aparecía para desbaratar as ocasións galegas. Pero o partido non tiña un claro dono, sen goles superado o ecuador do primeiro acto, os galegos xogaban intelixentemente o seu partido e ao bordo do descanso poñería as súas primeiras pedras no camiño cara á vitoria. Chano avisaba cunha preciosa vaselina que Yoni salvaba en boca de gol e sería o propio gaditano o que segundo despois, minuto 17, subía o 0-1 ao marcador cun disparo cruzado. Ese gol pareceu sentirlle como unha losa ao Jaén Paraíso Interior que e o Azkar Lugo o aproveitaba xa que un minuto despois unha gran contra acababa cun preciso pase de Jandri que Cuco non fallaba para mandar ao fondo da meta de Prieto (0-2). O Azkar soubo aguantar ben antes do descanso, algo básico para que o seu rival non se crecese.
No inicio do segundo periodo, o Jaén saía a polo gol, os lucenses sabían que os amarelos tiñan que buscar de calquera modo meterse no choque, pero o Azkar Lugo non o permitiu cunha defensa impresionante e un Mendiola moi seguro baixo paus. Aos poucos o Azkar íase arriba e cando tiña o balón movíao con criterio. Unha nova fase de partido abriríase entre os minutos 29 e 32 onde chegou o maior perigo dos locais, pero o Azkar sabía sufrir eses minutos de acoso local, a defensa non tiña lagoas, algo primordial. E o Azkar aproveitou a súa recuperación xusto neses momentos para a seis minutos do final poñer case a sentenza. Zala baixaba co peito con calidade un balón alto e tras virarse dáballa a Jandri que aparecía pola ala esquerda para bater a Prieto (0-3). O Azkar Lugo tiña na súa man a primeira vitoria como visitante da campaña, pero quedaba moito partido. E é que tralo terceiro dos azuis, o Jaén Paraíso Interior xa atacaría con porteiro-xogador na figura de Yoni. A defensa lucense aínda subiu a súa intensidade defensiva, amosábase moi seria e non sufriu en demasía a superioridade dos jienenses, salvo nun disparo a tres minutos para o final que se estrelaba na meta defendida por Mendiola. E así transcorreu a recta final do choque, cun Azkar Lugo súper enchufado en defensa e que non concedeu nada ao seu rival para pechar un partido brillante.
Ficha técnica:
Jaén Paraíso Interior 0: Prieto, Sergio García, Lolo Jarque, Ureña e Jose López, -cinco inicial-, Yoni, Jorge Bellvert, Juan Puertas, Miguelín, Buendía e Montes.
Azkar Lugo 3: Mendiola, Diego Núñez, Jandri, Iago Rodríguez e Chano, -cinco inicial-, Aranburu, Cuco, Zala e Antonio Diz.
Árbitros: Fortes Pardo e Martínez Flores (comité murciano). Amonestaron con tarxeta amarela a Ureña, Montes e Jose López (Jaén) e a Aranburu e Chano (Azkar).
Incidencias: 14ª xornada de liga en 1ª división. Pavillón La Salobreja. Uns 600 espectadores.
Goles: 0-1 min. 17 Chano, 0-2 min. 18 Cuco e 0-3 min. 34 Jandri.











