Tourís e a rexedora de Ribadumia analizan o avance da concentración parcelaria en Lois-Monte
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, co obxectivo de analizar a situación das concentracións parcelarias que se atopan en desenvolvemento no municipio e, en concreto, a de Lois-Monte xa que hoxe tivo lugar a reunión da súa xunta local.
Na visita, o delegado territorial estivo acompañado do xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, así como o xefe do Servizo de Infraestruturas Agrarias, Julián Alvira.
Nestes intres, segundo avanzou José Manuel Cores Tourís, a concentración de Lois-Monte de Ribadumia se atopa en fase de acordo tras informarse do mesmo esta mañá na xunta local. O delegado territorial tamén anunciou a alcaldesa e aos membros da xunta local da existencia de dotación orzamentaria para levar adiante a fase de amolloamento por un importe de 88.262,40 euros.
Esta parcelaria permitirá concentrar 591 hectáreas que contan con 1.516 propietarios. A superficie media das parcelas (en total 8.784) é de 673 metros cadrados. Trala concentración, cada propietario, que agora contaba con 5,79 parcelas de media, contará con 1,39, e os terreos pasarán a ter 2.580 metros cadrados de superficie, reducíndose así o número de fincas a 2.109.
En total, investiuse nesta parcelaria, ata o momento, 2,3 millóns de euros, dos que 1.794.000 destináronse á execución da rede de camiños principais, realizándose así un total de 26,2 quilómetros. Esta zona ten como maior interese produtivo o forestal, o viñedo e a horta.
Tal e como manifestou Cores Tourís, dende 2009, a Consellería de Medio Rural e do Mar destinou a inversións nas concentracións parcelarias de Ribadumia 1,02 millóns de euros destinadas a aperturas de camiños, amolloamento de predios e melloras de saneamento e abastecemento.
No concello de Ribadumia finalizáronse seis concentracións parcelarias: Barrantes, Besomaño, Leiro, Ribadumia I e II, e Sisán. En total, concentráronse xa un total de 1.062 hectáreas, beneficiándose 3.240 propietarios. “Se a estas cifras sumámoslle Lois-Monte, en total, concentraranse en Ribadumia 1.653 hectáreas beneficiándose 4.756 veciños”, concluíu Cores Tourís.