Tomiño emprende as tarefas de humanización e apertura dunha nova rúa no núcleo urbano do Seixo
O Concello de Tomiño comezou estas semanas as obras de humanización, urbanización e apertura dunha nova rúa no núcleo do Seixo, denominada “Área de Reparto Nº 2” e prevista no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Tomiño(PXOM).
Esta intervención, asumida polo Concello en terreos de particulares, a través dun proceso de xestión cooperativo e consensuado, suporá a urbanización dunha superficie superior aos 6000 m2 e a apertura dunha nova rúa que comunicará dúas das zonas principais do casco urbano, co que os máis de 1200 veciños do Seixo, verán mellorada a estrutura do núcleo máis céntrico.
Asemade, crearase unha nova praza pública de 500 m2, unha parcela para equipamentos; un aparcadoiro de máis de 50 prazas e unha zona verde de 1700 m2.
A urbanización, cun custe de 230.000 euros, será asumida polo Concello; coma contrapartida, este gozará dos servizos arriba enunciados e ademais adquirirá un solar que pasará a incorporarse ao Patrimonio Municipal do Solo do Concello de Tomiño. “Esta actuación non é illada; é planificada no marco da transformación do casco urbano de Tomiño, polo que este equipo de goberno aposta”, explicou Uxío Benítez, concelleiro de Urbanismo e Facenda.
Benítez informa que o proceso de negociación cos propietarios comezou o pasado mes de xaneiro, dando lugar a un proxecto de reparcelación consensuada.
O edil cre que este é un proxecto estratéxico que servirá para que o núcleo do Seixo siga medrando dun xeito ordenado e con maior calidade de vida, ademais de contribuír a desconxestionar o tráfico na zona céntrica.
Neste sentido, o proxecto inclúe a apertura dunha nova rúa de 16 m. de sección, con dobre sentido de circulación que, dándolle continuidade á rúa do Rosal, unirá a rúa Colón co Camiño do Alivio, eixo central da ordenación sobre o que se articulan os espazos públicos e as dotacións previstas.
A urbanización proxectada permitirá dar acceso as novas edificacións definidas na ordenación, xerando a súa vez, espazos libres e zonas verdes públicas na zona central da intervención. Os pasos de peóns serán resaltados para aumentar a seguridade da zona.
Nas beirarrúas executarase un pavimento de adoquín de formigón coloreado similar ao existente na Praza da Mina, con bordos de formigón. Para a calzada e os aparcamentos, adoptarase un pavimento de formigón sobre unha base de zahorra.
A urbanización estará dotada de todos os servizos urbanos necesarios para abastecer ás novas parcelas xeradas. Así mesmo, dotarase a área de sinalización e mobiliario urbano, proxectándose a iluminación de toda a zona con criterios de eficiencia enerxética.
As obras estarán rematadas no mes de febreiro antes da celebración do desfile de Entroido.











