Tomiño aprobará uns orzamentos para 2014 que ascenden a 6.700.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTomiño
A-
A+

O goberno local de Tomiño levará a pleno a aprobación provisional dos Orzamentos 2014, o vindeiro venres, 20 de decembro, ás 19.00 horas. As contas municipais ascenden a 6,7 millóns de euros, cun incremento leve respecto do ano pasado.

O concelleiro de Facenda, Uxío Benítez, salienta que “a prioridade do goberno municipal para o 2014 será o Plan Municipal de Formación e fomento do Emprego, cunha dotación superior a 400.000 euros”. Este proxecto conta cunha partida no capitulo 1 de persoal de 240.000 euros, a través da cal se contratará a veciños de Tomiño para executar dúas obras estratéxicas para Tomiño: o Plan Municipal de Saneamento (100.000€) e a Senda do Rio Miño (60.000€). Estas obras foron sinaladas como prioritarias por parte dos veciños e veciñas no proceso participativo do Plan Estratéxico.

O concelleiro de Facenda cualifica o Orzamento Municipal do 2014 coma un “orzamento inversor”, xa que case 1 millón de euros adicarase a investimentos (o 15% do orzamento). Neste capítulo, ademais do Saneamento e da Senda do Río Miño destaca tamén a 2ª fase da reforma da Praza de Abastos, para a que se destinarán 200.000 euros. Esta intervención vén a dar continuidade á primeira fase, xa rematada (que se ocupou do cambio da cuberta, mellora estructural e rehabilitación externa do edificio). A obra consistirá na reforma interior da planta baixa da praza de abastos. Realizarase conforme ao plan de usos elaborado nos últimos meses polo Concello en colaboración cos praceiros, comerciantes, emprendedores, etc. e que pretende facer do mercado municipal un centro do comercio local que revitalice a vida comercial e de lecer de Tomiño.

Asemade, outro investimento de relevancia é a 2ª fase da reforma do Auditorio de Goián para albergar a escola de música (150.000 euros). A primeira fase iniciarase nos próximos días. Este proxecto pretende ampliar e mellorar os usos do Auditorio é e unha reiterada demanda da Agrupación Musical de Goián. Foi presentado durante o 2013 ao presidente da Deputación e ao secretario xeral da Consellería de Cultura, os cales declinaron colaborar.

Outros investimentos relevantes dedicaranse ao Plan de Conservación e Mellora dos Colexios (80.000 euros), e a creación da Aula Museo Antonio Fernández nunha das aulas da escola vella de Goián (35.000€).

Continuando coa política de investimentos e racionalización en partidas de gasto corrente, o goberno local destinará 40.000 euros en obras de eficiencia enerxética e 20.000 na ampliación de puntos de recollida selectiva de lixo.

Salientar tamén as partidas destinadas a Servizos Sociais, tanto no que supón a atención á dependencia, coma na axuda para alimentos, as que este ano se lle engade unha partida para sufragar o previsible copagamento dos gastos farmacéuticos dos enfermos crónicos que o goberno central ten aprobado.

Respecto aos gastos correntes, informar que hai unha sensible baixa, froito da política de axuste e de redución do gasto superfluo que ben facendo o Concello: enerxía, combustibles, telefonía, etc., partidas todas elas que foron baixando en función das medidas de eficiencia que se están implementando.

Para a concelleiro de Facenda, Uxio Benítez é motivo de felicitación ao departamento de Intervención do Concello o feito que antes de final de ano se aprobe este orzamento, no que levan traballando meses, así como que cumpra o obxectivo de estabilidade orzamentaria. “O Concello de Tomiño está saneado porque aplicamos unha política seria e rigorosa no gasto, pero non admitiremos polas políticas do PP de pretender priorizar no gasto a redución das débedas contraídas cos bancos. Nós priorizamos o investimento e contribuír a mover a economía local e xerar emprego, pois esa ten que ser a prioridade das administracións publicas e non entregarlle diñeiro e liquidez a uns bancos que foron quen crearon esta crise”, sinalou Uxio Benitez.

16 de decembro de 2013 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.