Teatro, maxia e danza protagonizan o Nadal Cultural de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Presentación da programación de Nadal de Carballo

Presentación da programación de Nadal de Carballo

Como cada ano, Carballo festexa as datas de Nadal cun programa de actividades para todos os públicos, aínda que centrado especialmente nos máis cativos e cativas. O programa do Nadal Cultural 2013 intégrano tanto actividades organizadas directamente polo Concello como por asociacións, centros educativos, agrupacións musicais, etc., e teñen lugar en escenarios variados como con as sedes das entidades, as igrexas parroquiais, o Pazo da Cultura ou a Ludoteca. Unha das actividades máis esperadas do programa é sempre o Nadal Pequespectacular que reúne espectáculos de diversos formatos e estilos e que este ano inclúe tres excelentes propostas nas que atopar teatro, danza, monicreques e maxia. O xoves 26 de decembro a compañía madrileña Luna Teatro y Danza presenta “Cenicienta y las zapatillas de cristal”; o venres 27 é a quenda do Mago Luís Boyano co espectáculo “25 anos de maxia e humor”, un show dinámico, divertido e con moitas sorpresas; e a última cita é o sábado 28, em que finaliza esta programación coa compañía galega Baobab Teatro e o espectáculo “O soldadiño de chumbo”. Os interesados e interesadas poden reservar as entradas a partir do martes 17 de decembro e ata o día 27 nas oficinas do Pazo da Cultura ou no 981 704 300 de 11.00 a 14.00 horas cun máximo de 4 localidades por persoa. Todas as representacións son ás 18.00 horas. Pero antes do Nadal Pequespectacular, outra das citas máis esperadas que adoita a marcar o comezo do programa son os Cantos de Nadal que acompañan a Entrega de Premios do Concurso de Carteis de Nadal, que están patrocinados por Todo Lar. Este concerto ten a finalidade de achegar a música típica destas datas a través do traballo de diferentes formacións musicais de Carballo. Como en anos anteriores nesta cita, xunto ás agrupacións infantís Coro Vagalume e Coro o Candil, que interpretarán un repertorio máis clásico de panxoliñas, dúas agrupacións de música tradicional, a AC Argazo e a AC Arume, ofrecerán cantos de Nadal e Reis e farán unha recreación dos costumes que os acompañaban. En concreto, os compoñentes de Arume revivirán As Noitiñas de Nadal, cunha posta en escena que recreará a súa recuperación, por parte da entidade de Berdillo en Nadal de 1983, celebrando deste xeito o 30 aniversario destas Noitiñas. Este acto terá lugar o sábado 14 de decembro ás 18.30 horas no Pazo da Cultura.

Cabalgatas de Reis

Seguindo coa programación para os máis cativos e cativas, hai que resaltar que, un ano máis, a Ludoteca Municipal amplía o seu horario nestas vacacións abrindo tamén polas mañás. Así mesmo, ofrece Obradoiros de Nadal o luns 30 de decembro e o xoves 2 e o venres 3 de xaneiro ás 18.00 horas. E ademais repite a tradicional Chocolatada o luns día 30 a partir das 19.00 horas, unha maneira divertida de despedir o ano cos máis novos (con invitación previa). Outro dos elementos que nunca faltan no Nadal Cultural son as Cabalgatas de Reis, que percorrerán tanto o casco urbano como as parroquias de Carballo. Este ano serán 13 as comitivas que percorrerán todo o municipio durante os días 4, 5 e 6 de xaneiro. As Cabalgatas das parroquias están organizadas polas súas asociacións e contarán cunha subvención do Concello de Carballo. Na Cabalgata de Carballo vólvese a contar para a coa axuda da Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude e coa colaboración económica do CC Bergantiños-Gadis Hiper, que aporta os caramelos, e de Automóviles Gonzacar e Alquileres Reneymar que proporcionan os vehículos que guían das carrozas e das infraestruturas complementarias para a carpa que se instala para a recepción dos Reis Magos.

A programación do Concello para o Nadal Cultural compleméntase tamén co Festival de Nadal que organiza a Concellaría de Terceira Idade o domingo 22, ás 18.00 horas no Pazo da Cultura, que estará amenizado polo Dj David. E tampouco hai que esquecer as numerosas citas organizadas polas entidades e asociacións do municipio como diversas escenificacións de nacementos, presentacións de libros, recollida de xoguetes (coa cita Os Reis Magos tamén bailan Rock&Roll da Asociación Rebeldía ou coa Campaña de Cruz Vermella), visitas de Papá Noel, ou concertos e festivais para os mais cativos e cativas tanto en Carballo como nas diferentes parroquias. Mención especial merece o Festival de Nadal de Aspaber, que cada ano congrega a numerosos veciños e veciñas e ofrece un espectáculo moi entretido. Na presentación do programa estiveron presentes José Manuel Naya, de Todo Lar, que expresou a súa satisfacción porque o seu establecemento colabore con agasallos para os nenos e nenas; a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, que desvelou as claves do programa. E o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que desexou que “no 2014 teñamos a ocasión de celebrar que o traballo chegue a todos os fogares”.

Dende o Concello tamén quixeron agradecer a colaboración de todos os que fan posible a elaboración do programa: a (Agadic) Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, as asociacións culturais e as empresas de Carballo, como Todo Lar que colabora co Concurso de Postal e Cartel, ou o Centro Comercial Bergantiños – Hiper Gadis, a Automóbiles Gonzacar ou Alquileres Reneymar que colaboran coa Cabalgata de Reis de Carballo; e a Deputación da Coruña. Os interesados e interesadas poden descargar nesta mesma nova o programa completo do Nadal Cultural 2013. A imaxe gañadora do Concurso de Cartel e Postal de Nadal e o segundo premio.

12 de decembro de 2013 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.