Teatro, humor e encontro na conmemoración en Ourense do Día Internacional do Voluntariado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurense
A-
A+

A concelleira de Voluntariado, Mónica Vázquez, presentou esta mañá, no Salón de Plenos do Concello, as actividades que se desenvolverán para conmemorar o día Internacional do Voluntariado, que se celebra este xoves, 5 de decembro. A concelleira estivo acompañada do actor e monologuista., Sergio Pazos, que participará nas actividades.

“A solidariedade e o voluntariado teñen o poder de incidir directamente na vida cotiá de moitas persoas”, subliñou Mónica Vázquez, tendo en conta que o papel que xogan os voluntarios e voluntarias na nosa sociedade, e en Ourense a través da Oficina Municipal de Voluntariado, é esencial para “transformar realidades próximas e diarias”.

As actividades previstas para o día 5 de decembro, Día Internacional do Voluntariado, celebraranse no Auditorio Municipal (rúa da Canle 2-4) e son as seguintes:

– Ás 11:00h darase lectura dun manifesto por parte da concelleira de Voluntariado, Mónica Vázquez Blanco, no Auditorio Municipal, na que estará acompañada de representantes da Corporación Municipal, así como os distintos representantes das entidades de acción voluntaria da nosa cidade.

– A partir das 11:30h poderase visitar a “Feira de entidades de Acción Voluntaria”, na que cada unha delas dará a coñecer as actividades e accións que están a realizar neste intre, e permanecerán ao longo de todo o día con mesas informativas e actividades lúdicas, para dar a coñecer a actividade voluntaria na nosa cidade.

– Ás 12:00h haberá unha representación teatral “Antía Wamba e o regato pequeno” da compañía Tropa de Trapo, sobre contos para todo o mundo e para un mundo de todos.

Xa pola tarde:

– Ás 19:30h terá lugar outro espectáculo a cargo da compañía Lusco e Fusco, “Encontros”, espectáculo gañador do premio do xurado do Festival de Valladolid, que consiste nunha mestura de danza, clown, acrobacias e malabares no que tampouco se esquece o humor.

– Ás 20:30h, Sergio Pazos presenta o monólogo “Eu tamén fun voluntario”, que porá o broche final aos actos de conmemoración do Día do Voluntariado.

Actividade da Oficina Municipal do Voluntariado

Nos últimos meses os voluntarios e voluntarias da cidade colaboraron con case 20 actividades que se desenvolveron na nosa cidade coma as Festas de Ourense, as carreiras populares “Correndo por Ourense” ou a San Martiño 2013, a Operación Kilo do Banco de Alimentos e da Asociación Amencer, o Festival de Cine Internacional de Ourense, ou o Torneo de Magic e Videoxogos, o campionato de Mus ou o 1º Festival de Jazz e musicoterapia de Galicia.

Así, tamén colaboran con proxectos sociais e solidaros, coma a recollida de tapóns da Fundación Coren, acompañamentos a persoas maiores, apoio escolar a persoas en risco de exclusión social, ou apoio a inmigrantes da fundación Juan Soñador.

Tamén, a partir da semana que ven, dende a Oficina Municipal comezarase a colaborar, cun total de 17 voluntarios, no comedor social de Cáritas.

Actualmente están inscritos na Oficina 313 voluntarios (102 homes e 211 mulleres) de tódalas idades, que ao longo de todo o ano se implican nestas actividades municipais como o Camiño Escolar, programa da Concellería de Educación que fomenta os desprazamentos á pe á escola, ou amosando a súa colaboración con asociacións da cidade, como é o caso do apoio educativo á asociación Afrolatina ou na Asociación APES para a prevención da exclusión social.

Baixo o lema “Embárcate con Nós” dende a Concellería están a desenvolver actividades ao longo de todo o ano para fomentar a participación e implicación de todos aqueles interesados e interesadas en labores de voluntariado, así como a realización de campañas informativas para pór en valor o traballo das persoas que de xeito anónimo e sen ánimo de lucro se implican en tarefas de axuda a outros.

Todos aqueles ou aquelas que estean interesados en realizar algunha das actividades que propón a Concellería de Voluntariado poden solicitar unha praza presentando a ficha de inscripción na Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Ourense (Rúa do Ensino, 24) no barrio do Couto ou enviando un correo electrónico ó aderezo voluntariado@ourense.es, así coma visitar a páxina web da Concellería www.ourensevoluntario.org onde está dispoñible o programa e actividades.

2 de decembro de 2013 | 13:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.