Taller sobre envellecemento activo e saudable e outro de diabetes en Ponte Caldelas
O departamento de Servizos Sociais do Concello de Ponte Caldelas organiza un taller de “Envellecemento Activo e Saudable” e outro de diabetes que se desenvolverán o 11 e o 16 de decembro, respectivamente, no Centro Cultural en horario de 16:30 a 20:30 horas. Debido ao limitado das prazas e a que se expedirá un certificado de asistencia, os interesados deberán inscribirse previamente nas oficinas municipais, en horario de mañá, ou no propio Centro Cultural, polas tardes.
O taller sobre “Envellecemento Activo e Saudable” será impartido por María José Lozano Lorenzo, traballadora social do Complexo Hospitalario de Pontevedra e estará especialmente dirixido á poboación maior, familiares ou cidadanía en xeral.
Os principais contidos deste taller virarán en torno ao adestramento persoal no ámbito da saúde, as técnicas de autoaxuda e a adecuada xestión das emocións e a tensión.
Con este taller preténdese que os asistentes adquiran coñecementos claros e precisos do proceso de envellecemento que experimenta o ser humano co fin de mellorar a calidade de vida das persoas e os seus familiares en momentos de especial sensibilidade.
TALLER DE DIABETES, UNHA ENFERMIDADE SILENCIOSA
Outro dos talleres que se impartirán no Centro Cultural de Ponte Caldelas, o luns 16 de decembro, será un dedicado á enfermidade da diabetes e que estará impartido por Vitoria Hierro Illanes, enfermeira educadora nesta doenza no Complexo Hospitalario de Vigo.
Esta iniciativa formadora e divulgadora estará especialmente dirixida a persoas diabéticas ou en serio risco de padecer esta enfermidade, familiares, persoas coidadoras e cidadanía en xeral.
Os asistentes a este taller tamén deberán inscribirse previamente enlas oficinas municipais, en horario de mañá, ou no propio Centro Cultural, polas tardes, e recibirán un certificado de asistencia.
Entre os contidos a tratar neste taller está a actualización sobre a enfermidade, os coidados de saúde e control adecuados de glucemias e recomendacións na alimentación dos pacientes que padecen esta doenza practicamente asintomática, a cal se pode padecer sen que un déase conta ata que xa se atopa nunha situación moi avanzada.











