publicidade hoxe

Suspéndese provisionalmente a oposición para cubrir tres prazas de Delineante en Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+

O Concello de Lugo anuncia a suspensión temporal do proceso selectivo convocado para cubrir en propiedade tres prazas de Delineante á espera dun informe do Ministerio de Educación, Cultura e Deportes sobre se se pode admitir o título de Mestre Industial como equivalente ó de Técnico Superior en Desenvolvemento e Aplicación en Proxectos de Construcción.

O Goberno local decidiu suspender o proceso selectivo ata que se pronuncie o Ministerio de Educación despois de que presentara un escrito o Colexio profesional de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas de Lugo, trala exclusión dunha aspirante.

O día 27 de novembro aprobouse a lista definitiva de admitidos e excluídos neste proceso selectivo e nela foi excluída unha das aspirantes por non presentar a fotocopia compulsada da titulación esixida ou non corresponderse a titulación presentada coa esixida. Esta aspirante presentara a súa solicitude acompañada dunha copia do Título de Mestre Industrial, na rama de delineantes-Sección delineante da construcción.

O día 12 de decembro tivo entrada no Rexistro Xeral do Concello un escrito do Colexio Profesional de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas de Lugo, no que solicita a anulación do proceso selectivo, por ter sido excluída da lista definitiva de admitidos a devandita aspirante por non considerar a súa titulación equivalente á que se pedía.

Á vista deste escrito, o Concello entende que non debe ser esta Administración a que determine a equivalencia por ramas ou especialidades das titulacións, non poñendo en dúbida o que pon de manifesto nos escritos remitidos dende o Colexio Profesional, polo que se acorda consultar o caso ó Ministerio de Educación, Cultura e Deportes.

Por este motivo, o Concello suspende o proceso selectivo convocado para cubrir en propiedade tres prazas de Delineante ata que o Ministerio informe sobre se se pode admitir como equivalente ó de Técnico Superior en Desenvolvemento e Aplicación en Proxectos de Construcción o título de Mestre Industrial presentado pola aspirante que non foi admitida no proceso, toda vez que non existe unha equivalencia concreta por ramas ou especialidades entre as titulacións de Mestre Industrial e a de Técnico Especialista.

A decisión fúndase nos informes emitidos polo Xefe do Servizo de Enxeñeiría e co fin de evitar calquera discrecionalidade por parte desta Administración á hora de interpretar se se pode admitir dita titulación como equivalente á de Técnico Superior en Desenvolvemnto e Aplicación en Proxectos de Construcción, toda vez que non existe unha equivalencia concreta por ramas ou especialidades entre as titulacións de Mestre Industrial e a de Técnico Especialista.

O primeiro exercizo desta oposición íase celebrar o día 19, ás 13 horas, no Salón Centrl do Edificio da Fundación Feiras e Congresos.

16 de decembro de 2013 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.