Sober celebra para un concerto de Nadal solidario
O Concello de Sober introduce unha importante novidade no tradicional concerto de Nadal que organiza cada ano por estas datas. Na edición deste ano, que terá lugar o sábado ás 19:00 horas no Centro Sociocultural, a gala terá un carácter solidario, polo que o Goberno local invita a todos e todas as asistentes a doar un euro ou un quilo de comida non perecedeira que posteriormente o departamento de Servizos Sociais municipal lle entregará ás familias da localidade que máis o necesiten.
No concerto actuarán os alumnos e alumnas da gardería municipal, do CEIP Virxe do Carme, así como os membros da Escola de Música Municipal de Sober. O acto rematará coa actuación da Banda Xuvenil da Escola de Música e da Banda de Música de Sober.
O sábado tamén se fará a inauguración do belén no Centro Sociocultural e abrirase o buzón real para que todos os nenos e nenas fagan as súas peticións aos Reis Magos de Oriente que o día tres de xaneiro visitarán Sober.
Certame de beléns
Por quinto ano consecutivo o Concello de Sober organiza o certame de beléns, cuxa participación estará aberta para particulares e asociacións. A inscrición poderá facerse ata o día 26 de decembro na Biblioteca Pública Municipal. A visita do xurado cualificador será o día 27 de decembro.
Tamén se vai celebrar un certame de poesía infantil e postais cuxa inscrición estará aberta ata este venres día 20. Os traballos deben presentarse na Biblioteca Municipal de Sober.
Obradoiro de teatro
Tamén segue aberta a inscrición para o obradoiro de teatro que vai ser impartido pola directora de escena e dramaturga Eva F. Ferreira. A actividade desenvolverase no Centro Sociocultural de Sober do 23 de decembro ao 3 de xaneiro, de luns a venres agás os días festivos. O horario será de 16.30 a 18:30 horas.
A inscrición terá un custo de cinco euros. Todos os interesados poden anotarse ou obter máis información na biblioteca pública municipal ou no número de teléfono 982.46.05.13.