Silvana Castro presenta a súa renuncia como concelleira de benestar de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A corporación carballesa celebra o luns 30 de decembro unha sesión plenaria ordinaria na que un dos principais puntos da orde do día é a aprobación da adxudicación do “Contrato de servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior mediante un contrato mixto de subministro e servizos do Concello de Carballo”, que a mesa de contratación propón que asuma a Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Ferroser e Ferrovial e que se denominará Xestión enerxética e alumeado público Carballo-UTE. O importe sería de 796.800 euros ao ano (IVE incluído) por un período de once anos e nove meses, o que faría un custo total de 9.362.400 euros. A cantidade supuxo unha rebaixa de 33.200 euros sobre o prezo de licitación, que era de 830.000 euros anuais. A UTE Ferroser-Ferrovial asumiría, por un lado, a xestión enerxética do Concello, negociando directamente coas empresas para conseguir o mellor prezo posible no subministro; e, por outro, o mantemento e substitución dos 7.500 puntos de luz do municipio por lámpadas LED de baixo consumo. Hai que subliñar, así mesmo, que a adxudicataria ten ofrecido ata 19 melloras sen custo adicional destinadas a incrementar a eficiencia do servizo, como a implantación dun sistema de detección de roubo de cableado. Outro dos asuntos importantes da orde do día é a renuncia da Concelleira de Igualdade e Benestar, Silvana Castro (á esquerda na imaxe). Segundo explica, trátase dunha decisión “moi meditada” e tomada despois de chegar á conclusión de que non conta con tempo suficiente “para atender esta responsabilidade como se merece”. Silvana Castro renuncia despois de dous anos e medio no cargo e será substituída pola seguinte persoa na listaxe do BNG, Inés Rodríguez Muíño (á dereita na imaxe), diplomada en Ciencias Empresariais que lamenta a marcha de Silvana, mais espera “levar esta responsabilidade como mellor se poida”. Está previsto que a toma de posesión da nova concelleira se produza na próxima sesión plenaria de xaneiro de 2014 se a Xunta Electoral Central realiza os trámites en tempo e forma. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo agradecer o traballo realizado por Silvana e a súa dedicación, atrasando a súa dimisión “ata ter elaborados os orzamentos de 2014”, para así facilitar o traballo da súa sucesora. Ferrero subliña a importancia dunha área como a de Benestar “dificultosa nun momento como o actual”, cando os veciños e veciñas teñen cada vez máis necesidades. Porén, desexa “que Inés o faga igual de ben como o fixo Silvana até o de agora”.

Concesión de postos no mercado municipal

A sesión inclúe, así mesmo, a aprobación do contrato administrativo especial para a “Concesión dos postos situados no mercado municipal de Carballo”. Segundo sinala o Alcalde, no seu momento licitáronse once postos, seis almacéns de frío e outros cinco almacéns no soto do edificio. Adxudicáronse dous postos, mais nestes momentos estanse ultimando os trámites administrativos, polo que a proposta para o pleno é a adxudicación dun almacén de 8,30 metros cadrados para Cafetería do Mercado SC (cafetería exterior) por un importe de 200,50 euros ao ano. O pleno tamén propón a desafectación da planta baixa da Escola Unitaria de Entrecruces, situada no lugar de Piñeiro. Así, a escola leva tres cursos sen ofrecer ningún servizo educativo, polo que se solicitará ante a Consellería de Educación que se inicie o proceso de desafectación para que sexa empregada como local de uso veciñal. Entre os asuntos de trámite tamén está o recoñecemento de compatibilidade para o desempeño dun segundo posto de traballo no sector privado por parte do Conserxe do CEIP Gándara-Sofán. Durante dúas horas da súa xornada laboral será coidador no comedor do mesmo centro, de 13.20 a 15.20 horas, coa recomendación expresa da dirección do colexio para desenvolver este labor.

Por último, no apartado de mocións, o grupo municipal do BNG presenta unha relativa á aprobación das bases reguladoras do “Plan DTC 93, unha Deputación para todos os concellos”. Nela, solicita reclamar á Deputación da Coruña a modificación da cláusula 4 referida ao financiamento das bases reguladores do Plan DTC 93, solicitando a aplicación dos mesmos criterios de reparto que considera o Plan de Obras e Servizos (POS). Segundo o BNG, a modificación realizada nas contías das porcentaxes en variables como o número de parroquias, a poboación total ou a superficie do concello favorece uns “criterios de reparto que benefician moi especialmente ás cidades en detrimento dos pequenos e medianos concellos”, e especialmente a Carballo, “con Narón, o concello peor tratado de toda a provincia da Coruña” en verbas de Ferrero, perdendo máis de 125.000 euros para a realización de melloras.

27 de decembro de 2013 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.