Sete concellos disporán dun orzamento de 425.000 euros para desenvolver actividades de conservación dos parques naturais da provincia de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de mobilizar unha partida de case 425.553 euros que se repartirá entre sete concellos da provincia de Ourense que teñen toda ou parte da súa superficie dentro de parques naturais. Os obxectivos destas axudas son o desenvolvemento de actividades de conservación dos recursos naturais e fomento de accións para a poboación local para o desenvolvemento sustentable dos espazos declarados como parques naturais na Comunidade autónoma. Estas axudas terán tres anualidades para os anos 2013,2014 e 2015.

A provincia de Ourense conta na actualidade con tres parques naturais declarados: Baixa Limia-Serra do Xurés, Serra da Enciña da Lastra e O Invernadeiro, cunha superficie total que abrangue unha extensión de 38.218 ha.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, mantivo hoxe unha xuntanza cos alcaldes dos concellos pertencentes ao Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés –Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muiños- para informalles destas axudas. En total, estes 6 concellos beneficiaranse dunha partida de 356.788 euros.

Rogelio Martínez, na súa intervención, expuxo que estas subvencións “veñen a ratificar o compromiso da Xunta coa conservación, coa protección e coa mellora dos parques naturais da nosa comunidade e,máis en concreto, desta provincia”. O máximo representante do Executivo galego en Ourense salientou que estas axudas “contribúen á mellora da calidade de vida dos habitantes dos concellos beneficiarios e ao desenvolvemento sustentable das áreas de influencia socioeconómica destes parques naturais”.

Entre as actuacións que se van desenvolver ao abeiro destas axudas salientan a recuperación de varias fontes, as obras de melloras en áreas recreativas e os traballos de acondicionamento e mellora da traída de auga en distintos núcleos veciñais.

Así no concello de Bande executaranse tres proxectos de mellora da infraestrutura da traída de auga de Corvelle, Pereira e Poza do Rego. Calvos de Randín levará a cabo a mellora da paisaxe e desenvolvemento de usos recreativos no camiño de sendeirismo de Castelaus, amais de rehabilitar muiños en Randín e Castelaus, e a espadana da igrexa de Vila. Pola súa banda,o concello de Entrimo mellorará as infraestruturas da área recreativa de Pacin e actuará na posta en valor do conxunto arqueolóxico dos Castelos Pía da Moura. As axudas que lle corresponderon ao concello de Lobeira destinaranse á mellora do sistema de conducción de auga no Candal e na Fonte do Cano, ademais de recuperar a fonte de Viñarino San Xes e dun camiño en Taboazas. Lobios investirá o importe da subvención en consolidar e rehabilitar elementos do patrimonio (cruceiros e fornos) nos lugares de Quintas, San Paio, Carreira, Barreal e Vilameá. Por último, o concello de Muiños destinará estas axudas á recuperación de muros en Prado, ao acondicionamento de zonas de esparexemento en Prado e Requiás-Guntumil, e á conservación e recuperación de especies autóctonas en Outeiro de Cela.

Serra da Enciña da Lastra

O delegado territorial indicou que tamén o concello ourensán de Rubiá, ao que pertence o Parque Serra da Enciña da Lastra, resultou beneficiado por estas axudas, cun importe de 66.765 euros.

Este diñeiro destinarase á restauración dunha fonte-lavadeiro, a creación e mellora dunha área recreativa e, finalmente, á limpeza e adecuación de camiños.

A orde pola que se concederon estas axudas trata de regular as bases para a súa concesión co obxectivo de fomentar o desenvolvemento socioeconómico das terras agrícolas e mellorar a calidade de vida das poboacións locais situadas dentro dos espazos protexidos ou nas súas áreas de influencia, por medio de accións que contribúan á mellora das paisaxes e á recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais representativos da paisaxe agraria tradicional.

Rogelio Martínez lembrou que a Orde do 13 de agosto de 2013 establecía que poderían ser beneficiarios/as das axudas reguladas nela, ademais dos concellos, as persoas físicas que residan e/ou sexan propietarias de terreos nalgunha das parroquias incluídas no parque natural; as comunidades de montes veciñais en man común situadas total o parcialmente no parque natural e as asociacións con sede social ou,como mínimo,co 50% dos seus socios on residencia nalgún dos concellos onde se sitúe o parque protexido. Tamén podían optar a estas axudas as empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios en que se sitúe o parque natural.

O delegado territorial matizou no seu encontro cós alcaldes que queda pendente de resolverse as axudas que se adxudicarán aos beneficiarios particulares e empresas para os cales as actuacións desenvólvense en dúas anualidades: 2014 e 2015.

4 de decembro de 2013 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.