Seis asociacións de Teo e preto de 30 particulares participan na Feira Local de Segunda Man
A Feira local de segunda man organizada polo Concello de Teo ten confirmada a presenza de seis asociacións municipais e de case 30 particulares. A posibilidade de participar as persoas individuais é a maior novidade desta edición deste mercado de pezas de segunda man que terá lugar este sábado 14 horas no pavillón da Ramallosa.
A ubicación é outro dos elementos que varían respecto de feiras anteriores que se tiñan feito en Casas Comúns. O espazo do polideportivo permite a colocación de maior espazo para a venda. O horario de funcionamento da feira é de 12:00 a 14:30 e de 16:00 a 20:00 horas.
Dende o Departamento de Benestar destacan que o sábado estará vendendo tamén o roupeiro municipal que doará os ingresos obtidos ó Banco Veciñal de Alimentos. No recinto recolleranse doazóns para o Banco.
As asociacións que teñen confirmada a asistencia son a Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos, Teenses pola Igualdade; a asociación de Mulleres Rurais, Aspamite, a AAVV de Augas Mansas e a AAVV Carballeira de Francos.
Durante a xornada tamén haberá algún taller dirixido aos máis pequenos para facilitarlle as compras ós pais e nais. As persoas interesadas en participar que precisen máis datos sobre esta iniciativa poden chamar ós teléfonos municipais 981 809 707 ou ó 981 815 700.











