Santiago con Madrid conectarase con catro frecuencias semanais do voo das 6:45 de Iberia Express
Iberia Express conectará Santiago con Madrid con catro frecuencias semanais do voo das 6:45 na tempada de verán 2014, que abrangue dende o 30 de marzo ao 25 de outubro. Esta novidade foi anunciada polo alcalde, Ángel Currás, e pola concelleira de Turismo, Reyes Leis, despois das reunións que a semana pasada mantiveron con esta compañía. Ademais, continúan os encontros con outras compañías co obxecto de captar voos e avanzar noutras posibilidades de cara ó futuro. Concretamente, onte reuníronse coa compañía Vueling en Barcelona.
Estas catro frecuencias responden a unha tradicional demanda por parte do tecido económico da cidade, e serán luns, mércores, venres e sábado.











