Santa Claus visitará Cedeira este venres para regresar o martes como protagonista da cabalgata
Papá Noel visitará este venres a vila de Cedeira para atender as peticións dos máis pequenos da casa. A cita terá como escenario o pavillón polideportivo, a partires das cinco do serán. Nese momento, dará comezo unha xornada de xogos e bailes organizada polo Concello e pensada para que nenos e pais compartan unha tarde de entretenemento. Ao remate da mesma, fará acto de presenza Santa Claus que, amáis de recoller en man as cartas cos desexos de nenos e nenas, fará entrega de caramelos. Así mesmo, Papá Noel regresará á vila o martes, 24 de decembro. A partires das 18 horas, protagonizará a tradicional cabalgata polas principais rúas da localidade, con punto de partida na Estación de Autobuses. Por segundo ano consecutivo, estará organizada pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, en colaboración co Concello, e prevé realizar un itinerario con reparto de caramelos que incluirá a Avenida de Castelao, o casco vello e a Praza do Sagrado Corazón.
Neste punto, asentará o seu trono para atender de novo as peticións de nenos e nenas. En todo caso, dende Protección Civil infórmase de que se a choiva imposibilitase o percorrido Papá Noel desplazaríase directamente ao pavillón polideportivo para compartir a tarde cos pequenos. Noutra orde de cousas, a Agrupación de Voluntarios lembra que a Campaña de Recollida de Xoguetes que leva a cabo a favor das familias con escasos recursos da localidade continúa aberta ata o día 24. Así, valoran moi positivamente a resposta que está a dar a veciñanza e apunta que, aqueles que aínda desexen colaborar, poden facer as súas entregas no Auditorio Municipal, no Pavillón Polideportivo ou ben na Oficina Municipal de Turismo.











