“Salseiro” e “Patacón” proclámanse vencedores do Trofeo Comodoro

Patacón na saída
O pasado domingo, o Real Club Náutico da Coruña celebrou a última xornada do TROFEO COMODORO para a clase Cruceiro. Cun vento do leste, 17-20 nós de intensidade, ás 13.00 horas dábase a saída desta terceira xornada para a Clase Cruceiro que consistiu nun percorrido costeiro de 17 millas náuticas, cunha longa cinguida até Sada, para logo volver en empopada de volta a Coruña. Dificultades na saída para a “Losqueada” que a falta dun minuto para o “Top” inicial víase obrigado a saírse xa que un barco con preferencia a sotavento botábao fóra da liña, tendo que retomar e comezar atrasado.
Cando os barcos navegaban ao través do “Seixo Branco”, o Comité de Regatas recibiu un sinal de socorro dun barco que se estaba afundido ao oeste da “Marola”, sendo o primeiro barco en acudir á chamada o “Balizador” da regata José Antonio Casal, que lograba rescatar da auga a un dos tripulantes, mentres que o segundo tripulante era rescatado pola lancha de salvamento Marítimo mobilizada pola Torre de Control. En palabras de José Antonio: “Cando me achegaba á zona que nos indicaron, ao principio puiden ver a embarcación, pero instantes despois deixei de vela, afundiuse, e ao achegarme xa só estaban os dous tripulantes, unha persoa maior e outra máis nova, puiden recoller da auga á de maior idade”.
Os participantes seguiron navegando cara a Sada, para virar abóiaa que o “Balizador” puido colocar tras pasar finalizar a operación de rescate. O primeiro barco que viraba en “Sada” foi o “Salseiro” de Manuel Branco, aínda que seguido moi de preto polo “Gómez” de Andrés Soto e a “Losqueada” de Fran Edreira. Mentres que en clase 3, os barcos de menor eslora, a igualdade entre o “Argallán” e o “Patacón” era grande e viraban en “Lorbé” moi xuntos.
A segunda parte da proba foi unha longa empopada cara a Coruña, con vento do Leste de 19-23 nós, baixando a gran velocidade.
En clase 0-2, a vitoria en tempo real foi para o “Salseiro” de Manuel Branco, aínda que o vencedor en tempo real foi a “Losqueada” de Fran Edreira, 15 segundos por diante do “Gómez” de Andrés Soto. Na xeral final, o vencedor foi o “Salseiro” con 5 puntos (1-1-3), segundo clasificado o “Gómez” con 6 puntos (2-2-2), e terceiro clasificado o “Machichaco II” de José A. Quintero.
En clase 3, a chegada foi moi axustada entrando primeiro o “Patacón” de José Ubago, 10 segundos por diante do “Argallán” de Domingo Plana. Gran regata do “Patacón”, xa que en tempo compensado sacoulle 5 minutos ao 2º. Na xeral final, o vencedor foi o “Patacón” con 3 puntos (1-1-1), por diante do “Argallán” con 6 puntos (2-2-2).











